A Concelleira de Comercio do Concello de Vilalba, Mª Xosé Fernández, ven de anunciar a convocatoria dunha nova edición do Concurso de Escaparates de Nadal co obxectivo de promover a actividade comercial e favorecer un ambiente propio das Festas do Nadal.
Este concurso está aberto a todos aqueles establecementos comerciais situados na vila e parroquias, que poderán inscribir dende hoxe ata as 14:00 horas do día 13 de decembro a través do correo electrónico: cultura@vilalba.es cubrindo a folla de inscrición que estará dispoñible na web do concello https://www.vilalba.gal/ e na oficina de cultura. Nese mesmo correo, indicarán os datos do comercio e achegarán unha foto do escaparate para subilo ás redes.
Os escaparates deberán permanecer decorados a diario ata as 22.00 horas dende o 5 de decembro ao 7 de xaneiro de 2024.
O tema para desenvolver neste concurso será alegórico ao ambiente propio das Festas do Nadal e sempre combinándoo cos produtos propios do establecemento.
Os criterios de valoración para valorar cada escaparate serán a creatividade, a orixinalidade e a complexidade, a artesanía, o deseño e a calidade, o atractivo comercial e a decoración acorde ao produto de venda.
O xurado determinará os tres mellores escaparates, recibindo un premio de 600 euros no caso do primeiro clasificado, de 400 euros no caso do segundo e de 200 euros para o terceiro. Ademais, concederase un premio de 100 euros para o escaparate máis votado nas redes sociais, compatible co resto de premios.