O Concello de Vilalba foi estes días a capital do automóbil clásico, grazas aos participantes na oitava edición do Rally Turístico Terras do Incio, que percorre a provincia de Lugo desde o pasado mércores ata hoxe.
O Concello de Vilalba foi estes días a capital do automóbil clásico, grazas aos participantes na oitava edición do Rally Turístico Terras do Incio, que percorre a provincia de Lugo desde o pasado mércores ata hoxe.
Nesta edición do rally participan 24 vehículos exclusivos de marcas coma Mercedes, Jaguar, Aston Martin, Masseratti, Morgan, Porche, Lotus ou Ford, chegados de diferentes puntos de España, así como tamén de Portugal e Francia.
Os participantes pasaron catro días en Vilalba e foron recibidos pola alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, que destacou “a importancia deste tipo de iniciativas para promocionar o noso concello e para que a veciñanza poida ver os automóbiles, que son auténticas pezas de museo”. Durante as tardes, estiveron expostos na praza de Santa María.
Co fin de que este evento se desenvolva garantindo as máximas condicións de seguridade e saúde, dende a organización limitouse o número de vehículos, confirmáronse os protocolos de seguridade cos establecementos hoteleiros así como cos restaurantes, e comunicáronse as medidas a seguir a todas e todos os participantes no Rally.
Desde a súa primeira edición, celebrada no 2013, o rally ten unha gran acollida e contribúe a dinamizar a economía provincial, en especial a dos sectores hostaleiro e comercial.
Ademais de Vilalba, Monforte e a Ribeira Sacra, os participantes neste Rally Turístico tamén visitan a Serra do Courel, as terras do Incio, a cidade de Lugo, a Terra Cha, Meira e Portomarín, para disfrutar do patrimonio paisaxístico, patrimonial, gastronómico e cultural da provincia de Lugo.