O Concello de Vilalba celebra pleno ordinario este xoves, día 31 de outubro. Na orde do día destaca a proposta para aprobación dunhas obras na ETAP que servirán para solucionar os episodios de turbidez na auga que se producen no casco urbano en determinados momentos do ano.
Estes traballos, para a instalación de decantadores lamelares e filtros nas Estación de Tratamiento de Agua Potable (ETAP) de San Simón e Cañotas, “están incluídos no convenio de colaboración entre a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e o Concello de Vilalba, dando resposta ademais a unha demanda veciñal”, explica a alcaldesa, Marta Rouco.
Unha vez adxudicadas as obras, o prazo de execución será de tres meses.
“Todo o que ten que ver co ciclo da auga é prioritario para o goberno local de Vilalba, de aí a importancia do convenio de que xestionamos coa CHMS, que posibilita diferentes obras de mellora no abastecemento e o saneamento”, engade.
A principios de ano remataron as obras de mellora da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Vilalba, tras un investimento de 1,7 millóns de euros. O obxectivo da actuación era limitar as verteduras sen tratamento adecuado ao río Madalena, para o que se acometeron dúas actuacións: a ampliación do pretratamento da EDAR e a construción dun tanque de tormentas.
“Agora chega a quenda das ETAP de San Simón e As Cañotas, despois de varias reunións coa Confederación Hidrográfica para xestionar e planificar os novos pasos do convenio entre as dúas entidades”, sostén Marta Rouco.
Pistas no rural
Por outra parte, o pleno debatirá tamén unha proposta de modificativo de crédito para a renovación de tres pistas nas parroquias de Nete e Oleiros.
Unha delas, en Nete, é o acceso a Bouza e Lourixe; en Oleiros, o vial que vai do barrio de Agadín (límite co Abeledo) ata o barrio da Granda, desembocando na estrada da Deputación recentemente renovada que conecta coa Feira do Monte, e tamén a pista que vai da estrada da Deputación, ao seu paso por Oleiros, pasando polos barrios de Vilariz e Carboeiro ata o límite con Cospeito.