O CONCELLO DE VILALBA ANUNCIA OS HORARIOS DAS ESCOLAS DEPORTIVAS MUNICIPAIS E DAS CLASES DE NATACIÓN PARA O CURSO 2022-2023

O Concello de Vilalba informa das actividades e horarios das escolas deportivas municipais, así como dos cursos de natación para o próximo curso. O goberno local pretende con este adianto que as familias teñan tempo de organizar o vindeiro curso.

Dunha banda, anúncianse os horarios das escolas deportivas municipais para o curso 2022-2023. Este ano, ofertarase por primeira vez a actividade de rugby, ampliando así os deportes propostos.

Ademais, a oferta para o próximo curso incluirá actividades rítmicas, ioga, baloncesto, fútbol, fútbol sala, judo, loita olímpica, tenis, tenis de mesa, tríatlon ou ximnasia rítmica. Tamén haberá grupos de pilates, patinaxe, baile e iniciación deportiva.

Ofértanse grupos para toda a rapazada, dende os 3 anos de idade, con diferentes quendas en función do ano de nacemento. Con este adianto dos horarios, o Concello de Vilalba busca facilitar ás familias a previsión das actividades para o vindeiro curso. Proximamente, facilitarase a información necesaria sobre as inscricións a estas actividades.

Doutra banda, o Concello tamén informa dos cursos de natación que comezarán o 3 de outubro. En total, ofértanse 271 prazas para nenos/as e adultos/as, con diferentes grupos en función da idade e o nivel.

Para os cursos de natación, o prazo de inscrición será do 5 ao 18 de setembro. Pódese obter máis información no teléfono 982512530, na piscina municipal ou no e-mail usuariospiscinavilalba@clece.es

Nas bases que rexen a actividade inclúense máis detalles sobre o proceso de matrícula, documentación e normas durante o curso.