O CONCELLO DE VILALBA ANUNCIA O PROGRAMA COMPLETO DAS FESTAS DE SAN RAMÓN E SANTA MARÍA

O Concello de Vilalba anuncia o programa completo das Festas de San Ramón e Santa María, que se celebrarán desde o 19 agosto ata o 4 de setembro. O goberno local xa anunciou algúns eventos, como os concertos de Manu Chao e as Tanxugueiras, aos que se suman agora outros reclamos como as orquestras Combo Dominicano e Olympus, o concerto de Treixadura e algunhas actuacións de música de grupos do municipio.

O programa inclúe actividades para todas as idades e gustos, con variedade nas propostas musicais, así como no tipo de eventos, incluíndo obradoiros, presentacións de libros ou espectáculos de maxia para público familiar. Recuperanse ademais tanto a Xira dos Maiores, que será nesta ocasión unha homenaxe ás persoas maiores cun xantar gratuíto para persoas empadronadas de máis de 65 anos, como a Xira Campestre, ambas limitadas pola pandemia nos últimos anos.

Venres 19 e sábado 20 de agosto
Na primeira fin semana realizarase a final do I Concurso de Música Local, con nove propostas dos grupos Corredores de Sombra, Dúo Estrellas, Tapioca Pudding, Banda de Gaitas Mato Vizoso, Roberto G., Oxygeno, Irmandades do Falo, CRZY e Lambe Lambe. Actuarán o venres 19 de agosto ás 20:30 horas na Praza da Constitución, lugar onde se decidirá o primeiro e segundo premio, con 1.000 e 500 euros respectivamente.

O sábado 20 de agosto ás 12 horas inaugurarase unha escultura creada por José Gómez de Bernardo en memoria de “Concha da Reina”, primeira comadroa titulada da bisbarra, no parque enfronte á Escola Infantil, tal e como acordou a corporación municipal en sesión plenaria.

Ese mesmo sábado celebrarase a primeira Festa interxeracional Irmandade no Campo da Feira, coas actuacións a partir das 13 horas de Los Rastreadores (Ortiga + Grande Amore) e Mekanika Rolling Band. A continuación haberá un xantar e pola noite será a quenda do Dj Litainer e Dj Maler. Esta iniciativa nace da vontade de ofrecer un espazo de encontro entre os veciños e veciñas de Vilalba, unha xuntanza na que todas as persoas se podan reecontrar con antigas amizades, veciños, coñecidos e compañeiros de distintas etapas vitais na localidade. Servirase un menú de polbo, churrasco, postre e café por 29 euros, debendo retirar os tickets previamente para acceder ao recinto no Café Bar Pafe, Café Bar Estudiante, Café Bar O ´Porrás ou Café Bar Centro.

Entre o 22 e o 28 de agosto
A seguinte semana contará co espectáculo de maxia de Patri Zenner dentro do Festival Mundial de Ilusionismo de Galicia o luns 22 de agosto. Na xornada do martes celebrarase a andaina San Ramón e Santa María.

O mércores 24 de agosto organizarase a Xira en homenaxe aos nosos maiores, tras dous anos de parón pola pandemia, que inclúe misa, sesión vermú, a actuación da Charanga de Vilalba, xantar e baile coa Orquestra Supremos.

Tamén haberá oco para a literatura, coa presentación o venres 26 ás 19:30 do libro “Lois Peña Novo. 55 anos despois”, editado polo Colectivo Egeria.

A segunda fin de semana de celebracións comezará o venres 26 coa prexira, na que estarán catro DJ pinchando desde as 22:30h, David García, Cris Vázquez, Alejandro Varela (Doctor Chaff) e Diego Amido (Oxygeno). O sábado 27 e o domingo 28 serán as dúas xornadas da tradicional Xira Campestre, unha cita que se retoma tras a pandemia e que transcorrerá con normalidade, debendo respectar a contorna tanto nos espazos públicos como privados. O sábado haberá sesión vermú e verbena, e pola tarde amenizarán a xira os Festicultores. O domingo, despois da vermú comezará unha sesión musical a cargo de Puzzle animación.

A partir do 29 de agosto
As festas continuarán o 29 de agosto coa XXVII Festa da Bicicleta do Espazo Xove – Casa da Xuventude de Vilalba, con saída ás 19:30h da Praza da Constitución. Poderanse inscribir neste lugar sito na rúa Novo Cazón S/N, dende o día 22 ata o 29 de agosto inclusive.

O martes 30 de agosto, véspera do patrón, realizarase o pregón a cargo de Benita Martínez, matroa do centro de saúde, xusto antes da celebración do XLVIII Certame Literario, ás 19 horas no Auditorio Municipal. Esa mesma xornada, Tanxugueiras actuará en Vilalba, cunha sesión posterior dos Dj Friso & Marcos Peón.

O mércores 31 de agosto, Día de San Ramón, os grupos Buxos Verdes e Banda de Gaitas Mato Vizoso farán o pasarrúas e a procesión que sucederá á misa das 12h, coa actuación da Coral Luar. Antes da sesión vermú, amenizada pola orquestra Pontevedra, haberá un espectáculo de circo itinerante musical. Pola tarde realizarase o concerto da Banda de música de Vilalba, e a verbena correrá a cargo do Combo Dominicano e Solara no Campo da Feira, cunha sesión de fogos artificiais a media noite.

O xoves 1 de setembro de Santa María, A.C Andrade e Entre Lusco e Fusco porán música ao pasarrúas e á procesión, e será a Coral Polifónica de Vilalba quen actúe na misa das 12h. Ritmo Joven fará a sesión vermú e xunto con la Fórmula a verbena desa noite. Ás 22h CRZY realizará un concerto de música urbana.

Na fin de semana, o venres 2 de setembro será o Día infantil, con inchables, tobogáns e festa da espuma. Organizarase tamén ese día a XXVIII Simultánea de Xadrez. Para o público familiar, tamén haberá espectáculos de maxia o sábado 3 co Mago Antón, obradoiros de pompas e títeres o domingo 4.

Na noite do venres 2 de setembro será o concerto de Manu Chao, cuxas entradas gratuítas poden retirarse na Casa da Cultura o xoves 4 de agosto de 15:00 a 21:30 horas, e o venres 5 de agosto de 09:00 a 21:00 horas. Cada persoa poderá retirar un máximo de tres entradas, debendo acudir presencialmente co seu DNI.

O sábado 3 de setembro Cerna de Árbol e Mestura de Nete farán o pasarrúas antes da vermú co Dúo Estrellas. A xornada complétase co XVI Festival de Bandas Pepe Guntín e cunha verbena pola noite a cargo de Olympus e Dúo Estrellas.

O domingo 4 de setembro é o día das parroquias, dedicado este ano a San Cosme de Nete despois de dous anos adiado. Nesa xornada haberá tamén pasarrúas con Asubíos da Chaira e a Charanga de Vilalba, misa coa Coral Polifónica e ofrenda da parroquia, que ademais fará o acompañamento de autoridades desde o concello ata a igrexa cos seus propios músicos. A orquestra Fuego estará na vermú e Treixadura porá o colofón final das festas patronais a noite do 4 de setembro.