O Concello de Vilaba anuncia que este ano recuperarase a celebración da tradicional Xira Campestre no entorno da Madalena, tras dous anos suspendida por mor da pandemia da Covid-19. A xira marcará de novo o inicio das Festas de San Ramón e Santa María.
Volveranse a ver centos de persoas gozando nas dúas xornadas coincidentes co 27 e 28 de agosto. Unha xornada festiva marcada no calendario de vilalbeses e vilalbesas desde hai moitos anos que agora máis que nunca agardan con ilusión o reencontro coas familias e amizades nestas tradicionais merendas .
Ademais, a mocidade é un dos colectivos que máis participa desta festa, polo que a súa recuperación será unha boa noticia para a xente nova, tras dous anos de limitacións e restricións.
Tamén se recuperará este ano a “Xira dos Maiores”, cunha connotación especial por seren un colectivo que padeceu especialmente as consecuencias da pandemia. Proximamente, o Concello de Vilalba anunciará polo miúdo esta cita, así como outros eventos para estas festas.
Recentemente, o Concello de Vilalba escolleu a proposta de Cristobal Aguiló Domínguez como gañador do concurso de deseño do cartel para as Festas de San Ramón e Santa María 2022. Ademais, o goberno local vén de anunciar que a matrona do centro de saúde de Vilalba, Benita Martínez García, será a pregoeira das festas este ano.