O CONCELLO DE VILALBA ANUNCIA A LICITACIÓN DAS OBRAS DE MELLORA NO VIAL DE ACCESO Á PARROQUIA DE OLEIROS

O Concello de Vilalba informa da licitación das intervencións de mellora e acondicionamento da vía de acceso á parroquia de Oleiros.
Os traballos efectuaranse na vía municipal que atravesa en dirección noroeste-sueste as parroquias de Oleiros, Sancovade e Noche e que as comunica coa estrada provincial LU-P-6510.
Trátase do percorrido natural dos veciños de varios núcleos de poboación destas parroquias en dirección ás principais vías de comunicación e á capital municipal, Vilalba.
Ademais, o intenso volume de tráfico do camiño, con paso de vehículos e maquinaria pesados destinados á explotación madeireira e ós traballos agrícolas e gandeiros da contorna, provocan un forte desgasto no pavimento actual.
As obras, que contan cun orzamento de 94.000€, terán un período de execución dun mes. Estes traballos enmárcanse dentro do plan integral de mantemento e renovación de viais e camiños nas parroquias de Vilalba, posto en marcha polo actual grupo de goberno no concello.
Para a mellora e mantemento desta vía proponse a regularización da súa superficie e a execución dunha nova capa de firme de rodadura a base de aglomerado en quente de cinco centímetros de espesor. Tamén se procederá á súa sinalización horizontal e vertical.
“O paso do tempo e o uso deterioraron o pavimento, polo que resulta urxente a actuación sobre o vial para evitar riscos e garantir a seguridade viaria”, explica Luis Fernández, concelleiro de Infraestruturas de Vilalba.