O CONCELLO CONTINÚA COA PREVENCIÓN E O CONTROL DE PRAGAS NAS ÁREAS PÚBLICAS E AS INSTALACIÓNS MUNICIPAIS

As actuacións inclúen a revisión de máis de 100 puntos de control colocados en zonas estratéxicas de 26 edificios de titularidade municipal

O Concello vén de realizar diversas actuacións para a vixilancia e control de roedores, insectos e microorganimos patóxenos en áreas públicas e instalacións municipais co obxectivo de preservar o benestar de todos os veciños e veciñas.

Máis concretamente, os Servizos Municipais, en colaboración coa empresa adxudicataria do servizo, Lokímica, implementaron un sistema no que se engloban os procesos de prevención e control necesarios que permiten minimizar o risco asociado á proliferación de organismos nocivos para a saúde e o medio ambiente.

“O análise da evolución das poboacións de pragas realízase a través da revisión periódica de máis de cen puntos de control que se colocaron en zonas estratéxicas dos máis de 25 edificios de titularidade municipal nos que se levan a cabo os traballos de prevención e control” explicou o concelleiro de Servizos Municipais, Eduardo Vidal.

Desta forma, o Programa de Vixilancia Activa implementado permite empregar os puntos de control instalados para identificar variacións na dinámica das poboacións das diferentes especies que poden afectar á salubridade e, en consecuencia, adoptar medidas adaptadas a cada caso concreto.

Pola súa banda, ademais dos edificios municipais, tamén se levaron a cabo actuacións de desratización, desinsectación e desinfección na vía pública. Sumándose a ditos traballos os de mantemento programado e os que se realizan en caso de detección dalgún tipo de incidencia por parte do equipo técnico dos Servizos Municipais. Así como o control de Lexionela en edificios con circuítos pechados de auga quente ou fría, tales como as piscinas municipais, as instalacións deportivas, o Auditorio Municipal ou os centros educativos, entre outros.

“Todas as actuacións teñen como obxectivo manter as poboacións de organismos nocivos en niveis aceptables dende o punto de vista sanitario, económico e social nos espazos de titularidade municipal” sinalou o concelleiro de Servizos Municipais, Eduardo Vidal, á vez que explicou que “tamén é fundamental que estas actuacións non causen ningún tipo de impacto sobre o medio ambiente, cuestión que se vixía exhaustivamente”.

EDIFICIOS MUNICIPAIS

Os traballos de prevención e control de pragas lévanse a cabo en máis de 25 edificios de titularidade municipal. En concreto, as instalacións sobre as que se efectúan as actuacións son: o Auditorio Municipal Carmen Estévez, o bar-restaurante Praia da área recreativa da Madalena, a Biblioteca Pública Municipal, o campo de fútbol da Madalena, a casa da cultura, a casa do concello, o CEIP Antonio Insua Bermúdez, o CEIP Manuel Mato Vizoso, o CEIP Monseivane, o CEIP Terra Chá, o Centro de Atención Temperá, o centro ocupacional, as oficinas das asociacións e Protección Civil, o cobertizo da feira de gando, Escola Municipal de Educación Infantil, a Escola de Educación Infantil Galiña Azul, o Muíño do Rañego, o Museo de Prehistoria e Arqueoloxía, as naves dos freires, o pavillón deportivo CEIP Insua Bermúdez, o pavillón municipal CEIP Mato Vizoso, o pavillón municipal de deportes, a piscina municipal e o mercado municipal.