O CONCELLO CONTA CON SETE NOVOS TRABALLADORES QUE SE CENTRARÁN NO MANTEMENTO DO PASEO FLUVIAL E DA ÁREA RECREATIVA DA MADALENA

A bolsa de emprego, con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental, está conformada por 2 oficiais e 5 peóns de xardinería

Os sete traballadores que superaron as probas selectivas da bolsa de emprego convocada polo Concello nas pasadas semanas veñen de incorporarse aos seus postos de traballo, vencellados á xardinería.

En concreto o cadro de persoal está conformado por 2 oficiais e 5 peóns de xardinería que centrarán as súas actuacións no mantemento da área recreativa da Madalena e do paseo fluvial, onde xa se atopan traballando dende comezos da presente semana.

Dita contratación, con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental, súmase á inversión do Concello en nova maquinaria para que o persoal de xardinería dispoña das ferramentas necesarias para acometer as súas actuacións.

Así pois, tamén con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental, o Concello vén de adquirir dúas motoserras profesionais, unha motoserra de man, unha motoserra telescópica, un cortasetos de man, un cortasetos telescópico, catro desbrozadoras profesionais de man, dúas motoserras profesionais dunha sola man, un corta céspede e un soprador accionado a gasolina.

Unha inversión total de 193.342,76 euros para “manter os nosos espazos verdes coidados, preservando e poñendo en valor o patrimonio natural do noso municipio”, explicou a rexedora, Marta Rouco.

Ademais, a alcaldesa, que se achegou co concelleiro Luis Fernández a saudar aos novos traballadores, salientou a importancia de “manter un espazo tan valioso como o noso paseo fluvial nas mellores condicións posibles, especialmente no verán, cando temos máis oportunidades e tempo para gozar del”.