O CONCELLO AVANZA NAS OBRAS DE ACONDICIONAMENTO DO FUTURO PUNTO DE ATENCIÓN Á INFANCIA DA LOCALIDADE

Xa se completou a primeira fase das actuacións no local do edificio da Praza de Abastos que permitirá dotar ao municipio de 20 prazas máis para o coidado e atención de nenos e nenas de 0 a 3 anos

O Concello avanza nas obras de acondicionamento e remodelación dun dos locais do edificio da Praza de Abastos no que se instalará o futuro Punto de Atención á Infancia do municipio.

Así, a primeira fase da obra, adxudicada o pasado mes de xaneiro á empresa Desarrollos Constructivos de Támoga S.L.U. por un importe de 143.478 euros, está xa concluída.

“Estamos satisfeitos co avance das actuacións, coas que ratificamos o compromiso absoluto do goberno local coa conciliación familiar e a dotación duns servizos públicos de calidade que permitan aos nosos veciños e veciñas quedar a vivir en Vilalba”, salientou a alcaldesa, Marta Rouco.

No referido aos traballos de acondicionamento, derrubáronse todos os elementos de distribución interior cos que contaba previamente o local, centrándose agora as actuacións na colocación de tabiquería lixeira e a habilitación dunha nova zona de acceso que se completará coa nova distribución do espazo interior, de tipo aberto e diáfano.

O local contará con cinco zonas diferenciadas: unha zona de gateo, outra de descanso, unha zona de hixiene, aseos e un espazo de preparación de alimentos dotado cos electrodomésticos básicos.

Pola súa banda, as obras tamén incluirán traballos na zona exterior do edificio, onde se derrubarán algúns elementos e se abrirán novos ocos para logo proceder á colocación de envolvente na fachada.

En definitiva, “faranse todas as actuacións necesarias para axustar o local á normativa vixente e poder abrir canto antes o novo Punto de Atención á Infancia co que disporemos de 20 prazas máis para a atención da primeira infancia, onde as familias atopaban máis dificultades para conseguir coidados”.