O CONCELLO APROBA O PROXECTO DE OBRA PARA O AFORRO E A EFICIENCIA ENERXÉTICA DOS VESTIARIOS DO PAVILLÓN DEPORTIVO MUNICIPAL DA RÚA CUART DE POBLET

As obras, cun orzamento de máis de 54.000 euros, céntranse na retirada de diversos elementos actuais para substituílos por outros novos que ofrecerán múltiples vantaxes

O Concello aprobou no pleno ordinario celebrado na tarde de onte o proxecto de aforro e eficiencia enerxética dos vestiarios do pavillón deportivo municipal localizado na Rúa Cuart de Poblet, do cal fai uso fundamentalmente o alumnado do CEIP Insua Bermúdez.

En concreto, trátase dunhas actuacións cun orzamento de 54.543,56 euros, con cargo ao Fondo de Cooperación Local da Xunta de Galicia, que inclúen a substitución da cuberta actual de chapa galvanizada por outra de chapa sándwich, a substitución da carpintería metálica exterior por outra de PVC e a limpeza e reparación da fachada mediante o selado de gretas, a reparación de descolchóns e o pintado exterior e interior con pintura impermeabilizable.

“Unha combinación de traballos que permitirán mellorar a dotación do espazo e o seu confort para a práctica deportiva”, explicou a alcaldesa, Marta Rouco, quen ademais salientou que se trata “dunhas obras baseadas na sostibilidade, o que repercute nun importante aforro enerxético, económico e medioambiental para o noso Concello”.

Nesa liña, as actuacións de aforro enerxético tamén incluirán a substitución dos 2 termos de auga quente eléctricos localizados nos vestiarios actualmente por unha bomba de calor que emprega a aerotermia tanto para a climatización como para a dotación de auga quente sanitaria.

“Falamos dunha reforma considerablemente importante que permitirá solucionar as deficiencias que presentaban as instalacións e que mesmo impedían que os nenos e nenas puideran empregalas con normalidade” valorou a alcaldesa, Marta Rouco, sobre unhas obras que, unha vez licitadas, terán un prazo de execución de 2 a 4 meses.