O CONCELLO APROBA DEFINITIVAMENTE O ORZAMENTO LOCAL PARA O EXERCICIO 2025

A corporación ratificou a aprobación dun orzamento “como xa manifestamos, cun marcado acento social” e tamén aprobou por unanimidade a renovación da Rúa Benxamín Paz e  a rexeneración da estrada que une O Castro (Boizán) con Gondaisque

O Concello celebrou na mañá de hoxe un pleno extraordinario no que se aprobou definitivamente o orzamento local para o exercicio 2025, logo da resolución ás alegacións presentadas polo sindicato Comisións Obreiras.

“Hai un informe dos servizos xurídicos do Concello que analiza o recurso presentado polo sindicato Comisións Obreiras e, en base ao mesmo, o que se propuxo foi desestimar o escrito por falta de fundamento”, explicou a rexedora, Marta Rouco, na sesión plenaria celebrada esta mañá.

Así pois, e tras a desestimación das alegacións presentadas, o Concello aprobou definitivamente o orzamento do 2025 cos votos a favor do Partido Socialista, Vilalba Aberta e o Bloque Nacionalista Galego e a abstención do Partido Popular.

“Un orzamento, como xa manifestamos anteriormente, cun marcado acento social, no que o 70% se destinará á prestación dos servizos públicos e no que quedan de libre disposición 500.000 euros, dos cales case o 80% se destinará ás subvencións a entidades sociais e deportivas, ás axudas para agrupacións culturais e ás subvencións nominativas das festas das parroquias” salientou a alcaldesa, Marta Rouco.

RENOVACIÓN DA RÚA BENXAMÍN PAZ

Pola súa banda, o pleno do Concello aprobou por unanimidade o proxecto de obra para a renovación de pavimentos e mellora da accesibilidade da rúa Benxamín Paz.

“Para solucionar o deterioro actual da rúa e axustala á normativa de accesibilidade, levarase a cabo a renovación e ampliación de beirarrúas, a renovación completa da rede de alumeado e a renovación do pavimento da calzada” explicou o concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Luis Fernández.

Unha inversión de máis de 160.000 euros que suporá a ampliación das beirarrúas ata un mínimo de 2 metros en ambas marxes da rúa, a plantación de especies arbóreas, que permitan mellorar a estética da rúa, a colocación das sinais verticais e o pintado das marcas viais correspondentes.

“Unha actuación moi necesaria nunha contorna cun alto volume de tránsito peonil e de tráfico rodado que permitirá seguir mellorando os espazos públicos da nosa vila e que ademais foi moi demandada polos veciños e veciñas da zona”, concluíu a rexedora, Marta Rouco.

REXENERACIÓN DA ESTRADA QUE UNE O CASTRO CON GONDAÍSQUE

Finalmente, o pleno do Concello tamén aprobou por unanimidade o proxecto de rexeneración da estrada que une o núcleo do Castro, na parroquia de Boizán, coa parroquia de Gondaísque.

Na súa intervención durante o pleno extraordinario, o concelleiro de Infraestruturas Rurais, Modesto Renda, explicou que “actuarase sobre un quilómetro e medio de lonxitude da vía e un ancho de 5 metros totais”.

En concreto, as actuacións, cun orzamento total de 37.725 euros con cargo ao Plan Deputación de Cooperación cos Concellos, centraranse no recargo e nivelación das capas base e a pavimentación mediante dobre rega asfáltica en toda a superficie.

Ademais, inclúese “a limpeza de noiros e tubaxes en toda a vía e a colocación de novos tubos de drenaxe co obxectivo de aumentar a vida útil da estrada”, salientou Renda. Así mesmo, o proxecto tamén contempla a limpeza de noiros nun ramal anexo á vía por unha lonxitude de 200 metros lineais en dirección ao núcleo do Castro.