A mesa de contratación outorgou o contrato á empresa Desarrollos Constructivos de Támoga S.L.U. por un importe de 143.478 euros, quen previsiblemente comezará as obras no mes de xaneiro
O Concello vén de dar un paso definitivo para a futura apertura dun novo Punto de Atención á Infancia na primeira planta do edificio da praza de abastos tras a adxudicación das obras á empresa Desarrollos Constructivos de Támoga S.L.U. por un importe de 143.478 euros.
Deste xeito, “esperamos comezar as obras na maior brevidade posible, prevendo que xa en xaneiro dean comezo as primeiras actuacións”, asegurou a rexedora, Marta Rouco, quen explicou que “no novo PAI ofreceranse arredor de 20 prazas para coidados, atención e ensinanza de crianzas entre 0 e 3 anos”.
Logo de que o Concello acadara unha subvención de 123.707 euros para poñer en marcha un novo Punto de Atención a Infancia (PAI) por parte da Xunta de Galicia e de aprobar o proxecto de obra en sesión plenaria, agora o goberno local dá un paso definitivo para velo feito realidade.
No referido ás obras, a reforma céntrase nas actuacións necesarias para acondicionar un dos locais do edificio da praza de abastos ás esixencias normativas.
En primeiro lugar, levarase a cabo o derrube dalgúns elementos exteriores e de todos os elementos de distribución interior cos que conta actualmente o local. Posteriormente, levaranse a cabo diversas actuacións na fachada entre as que se atopan a apertura de novos ocos e a colocación de envolvente.
Pola súa banda, as obras tamén incluirán a colocación de tabiquería lixeira e a habilitación dunha nova zona de acceso que se completará coa nova distribución do espazo interior, de tipo aberto e diáfano. O local contará con cinco zonas diferenciadas: unha zona de gateo, outra de descanso, unha zona de hixiene, aseos e un espazo de preparación de alimentos dotado cos electrodomésticos básicos.
Finalmente, a alcaldesa, Marta Rouco, salientou que “con este paso ratificamos o compromiso do goberno local coa conciliación familiar, pois a apertura do PAI permitiranos ofrecer máis prazas para a atención da primeira infancia, onde as familias atopaban máis dificultades para conseguir coidados debido ás limitacións das dúas garderías coas que contamos no municipio”.