O CONCELLO ADXUDICA AS OBRAS PARA A REHABILITACIÓN DA CASA CONSISTORIAL CUN INVESTIMENTO DE MÁIS DUN MILLÓN DE EUROS

As actuacións realizaranse con cargo ao PIREP local logo da prórroga acadada polo goberno vilalbés para poder mellorar a eficiencia enerxética e a accesibilidade da Casa do Concello

A alcaldesa, Marta Rouco, vén de informar da adxudicación definitiva das obras para a rehabilitación da Casa do Concello á empresa Regenera construcciones y contratas 2022 S.L. por un importe de 1.106.185,96 euros.

As actuacións centraranse na rehabilitación da Casa Consistorial co fin de mellorar a súa eficiencia enerxética e accesibilidade e faranse con cargo ao PIREP local. Unha subvención conseguida polo goberno local no ano 2022 e cuxo proxecto fora sacado a licitación en tempo e forma.

Non obstante, “nese entón o procedemento tivo que declararse como deserto porque só se presentou unha empresa que segundo informou a mesa de contratación non cumpría os pregos”, explicou a alcaldesa, Marta Rouco.

En consecuencia, o equipo de goberno de Rouco traballou na consecución dunha prórroga desta importante subvención do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, que foi acadada e permitiu que o Concello conte cos case 944.000 euros do Programa de Impulso á Rehabilitación dos Edificios Públicos de Entidades Locais.

“Estamos a falar dunha subvención de case un millón de euros que se conseguiu grazas ao proxecto presentado polo Concello e que baixo ningún concepto podiamos deixar escapar, pois sen esta axuda sería inviable levar a cabo a rehabilitación da Casa do Concello”, explicou a rexedora, Marta Rouco.

Pola súa banda, Rouco tamén fixo fincapé na importancia de “acadar axudas doutras institucións para, progresivamente, acondicionar os edificios públicos municipais que acumulan anos e anos sen un mantemento axeitado e que o goberno local herdou con graves problemas de filtracións de auga e humidades, como é o caso do Concello, a Casa da Cultura ou o Auditorio Municipal”.

OBRAS DE REHABILITACIÓN

No referido ás actuacións, co obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética do edificio, incorporarase un sistema de xeración eléctrica composto por placas solares fotovoltaicas con batería e levarase a cabo unha renovación integral da envolvente, incorporando illamento e acabados en fachadas e cuberta.

Así mesmo, “substituiranse o total de luminarias existentes por outras de tecnoloxía LED; supoñendo estas actuacións, no seu conxunto, unha importante mellora para a sustentabilidade enerxética do edificio” salientou Marta Rouco, quen engadiu que “a Casa do Concello converterase en case autosuficiente en termos enerxéticos, o que reducirá as facturas de mantemento ao mínimo e repercutirá nun importante aforro económico para as arcas municipais”.

Pola súa banda, no interior do edificio introduciranse medidas de mellora da accesibilidade física e cognitiva, garantindo baños accesibles e información adaptada; melloras de confort, con zonas de espera e outros servizos en recibidores e distribuidores e melloras organizativas, coa recolocación dalgúns usos internos a través do reaxuste puntual dalgún dos espazos existentes.

“Lograremos un edificio máis ordenado, establecendo a fórmula para que cando o cidadán entre na Casa do Concello teña claro a onde ten que dirixirse e sexa moito máis intuitivo do que é neste momento”, concluíu a alcaldesa, Marta Rouco.