O CONCELLO ABRIRÁ O PRAZO DE INSCRICIÓN NAS ESCOLAS DEPORTIVAS MUNICIPAIS DO 11 AO 20 DE SETEMBRO

Dende a institución local ofértanse máis de 650 prazas en 14 modalidades de deporte diferentes, dirixidas a todas as idades

A alcaldesa, Marta Rouco, vén de informar que o Concello abrirá o vindeiro mércores, 11 de setembro, o prazo de inscrición nas escolas deportivas municipais, que permanecerá aberto ata o venres, día 20.

Como cada curso, as escolas deportivas municipais contarán cunha ampla oferta de modalidades, sendo 14 deportes diferentes entre os que poderán elixir as persoas interesadas. Así pois, ofertaranse un total de 662 prazas, divididas nas modalidades de: baloncesto, fútbol, fútbol sala, judo, loita olímpica, tenis, tenis de mesa, triatlón, ximnasia rítmica, rugbi, ioga, pilates, ximnasia de mantemento para maiores e patinaxe.

Para inscribirse, as persoas interesadas poderán facelo do 11 ao 20 de setembro, presencialmente no Rexistro Xeral do Concello, en horario de 9.00 a 14.00, ou se o prefiren a través da sede electrónica ou da web de aluguer de instalacións e inscrición en actividades: https://app.sporttia.com/scs/1528/profile.

“A oferta é ampla e variada para cubrir a demanda de todo o alumnado pero tamén para ofrecer diferentes alternativas aos nosos veciños e veciñas, a quen animo a que consulten toda a oferta e se anoten naquelas opcións que máis se correspondan coas súas preferencias, pois o deporte é fundamental para manter un estilo de vida saudable”, sinalou a alcaldesa, Marta Rouco.

Cada persoa poderá inscribirse nun máximo de 3 actividades diferentes, sempre e cando se cubran todas as prazas ofertadas en ditas actividades. Non obstante, en caso de existir prazas vacantes os alumnos e alumnas poderán participar en máis de 3 actividades.

Pola súa banda, o calendario das escolas deportivas municipais coincidirá co calendario escolar local. É dicir, terá unha duración de 8 meses a contar dende a data de inicio das mesmas, sendo a data estimada prevista de comezo o 7 de outubro de 2024 e a data prevista de fin o 7 de xuño de 2025; podendo retrasarse ambas datas en caso de necesidade por motivos organizativos, imprevistos ou de calquera outra índole.