As entidades deportivas deberán presentar as súas solicitudes a través da Sede Electrónica do Concello entre o 6 e o 20 de agosto
O Concello vén de facer públicas no Boletín Oficial da Provincia as bases reguladoras da convocatoria de asignación de usos das instalacións deportivas municipais para actividades deportivas de adestramento durante a tempada 2024-2025.
Así pois, segundo o establecido na convocatoria, as entidades deberán solicitar as instalacións e horarios que se axusten ás súas necesidades, atendendo á modalidade deportiva que se poida realizar en cada instalación e ao horario ofertado.
Para poder presentar as súas solicitudes, os clubs deportivos contan cun espazo habilitado na Sede Electrónica do Concello, onde deberán depositar a documentación necesaria entre o 6 e o 20 de agosto, sendo este o último día de presentación de solicitudes.
Unha vez rematado o prazo, o Servizo Municipal de Deportes levará a cabo unha valoración das solicitudes presentadas, na que se terán en conta os requisitos e a baremación establecida nas bases da convocatoria. Entre as cuestións valorativas que influirán na puntuación estarán o tipo de adestramento, o nivel de competición, o número de socios ou o número total de licenzas federativas que compitan, entre outras.
No relativo aos espazos aos que optarán as entidades deportivas, estes serán: o pavillón municipal de deportes, o pavillón do CEIP Mato Vizoso, o pavillón do CEIP Insua Bermúdez, a pista de tenis número 1, as pistas de atletismo do Estadio A Madalena, o campo de herba artificial, a sala de loita do Auditorio Municipal, a sala de judo da Casa Consistorial, o ximnasio do pavillón municipal e a piscina municipal.
Máis información e acceso ás bases completas: