Trátase dunha exhibición das múltiples facetas do debuxante e escritor que estará exposta ata o vindeiro 25 de maio
Na mañá de hoxe a sala Ramón Guntín da Casa da Cultura acolleu a presentación da exposición “Castelao Grafista” promovida pola Fundación Galicia Obra Social (AFundación) e a corporación bancaria ABANCA, en colaboración co Concello de Vilalba.
Durante o acto, que contou coa presenza da alcaldesa, Marta Rouco, así como do coordinador institucional de Abanca en Lugo, Óscar Rodríguez, o director da oficina da entidade en Vilalba, Manuel Maseda e a coordinadora institucional de Afundación en Lugo e Ourense, Beatriz Fernández, as tres entidades abordaron a importancia de traer este tipo de exposicións ata a capital chairega, co obxectivo de achegar a cultura ao rural e levar máis aló das cidades este tipo de exhibicións.
“É unha exposición moi interesante, entretida e que reflicte o carácter de Rodríguez Castelao, unha figura cunha traxectoria impresionante que merece ser coñecida e recoñecida por todos nós” sinalou a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, en referencia á exposición “Castelao Grafista” que permanecerá na sala Ramón Guntín da Casa da Cultura vilalbesa ata o vindeiro sábado 25 de maio, cando continuará o seu percorrido por terras lucenses.
En concreto, trátase dunha exhibición das múltiples facetas do caricaturista, debuxante, ilustrador, columnista, escritor, pintor, escenógrafo, ensaísta, historiador, etnógrafo, teórico e político, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao co obxectivo de dar difusión á súa obra e divulgar o seu pensamento; que todas as persoas interesadas poderán visitar na sala Ramón Guntín da Casa de Cultura en horario de luns a venres de 11 a 13 e de 17.30 a 20 horas.
Ademais desta iniciativa, Afundación tamén promove o proxecto “Cultura por alimentos”, que conta coa colaboración da Federación Española do Banco de Alimentos para promover a recollida de alimentos non perecedoiros de primeira necesidade para os bancos de alimentos locais. Deste xeito, os visitantes que se acheguen ata a sala Ramón Guntín da Casa da Cultura poderán aproveitar a ocasión para colaborar mediante unha pequena doazón.