O CONCELLO, ABANCA E AFUNDACIÓN ASINAN UN CONVENIO DE COLABORACIÓN PARA A ORGANIZACIÓN DA EXPOSICIÓN "CASTELAO GRAFISTA"

Trátase dunha exhibición das múltiples facetas do debuxante e escritor que estará exposta a partir do 30 de abril na Casa de Cultura

O Concello, a Fundación Galicia Obra Social (AFundación) e a corporación bancaria ABANCA veñen de asinar un convenio de colaboración para a exhibición da exposición “Castelao grafista (fascímile)” na Casa da Cultura durante o vindeiro mes de maio.

E para facer efectivo dito convenio, os representantes das tres entidades colaboradoras, Marta Rouco, alcaldesa, Oscar Rodríguez, en representación de ABANCA e Beatriz Fernández, en representación de Afundación, reuníronse na mañá de hoxe na Casa do Concello para desgranar as particularidades da exhibición e proceder á sinatura do convenio.

Unha reunión na que a alcaldesa, Marta Rouco, salientou “a importancia de divulgar unha traxectoria tan impresionante como a de Rodríguez Castelao, quen descubrimos que pasara pola nosa vila para participar no Ateneo Cultural de Vilalba no ano 1936 e cuxo legado merece ser coñecido e recoñecido por todos nós”.

En concreto, trátase dunha exhibición das múltiples facetas do caricaturista, debuxante, ilustrador, columnista, escritor, pintor, escenógrafo, ensaísta, historiador, etnógrafo, teórico e político, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao co obxectivo de dar difusión á súa obra e divulgar o seu pensamento.

Así pois, a sala Ramón Guntín da Casa da Cultura será a localización que acolla a exposición en homenaxe a Castelao a partir do vindeiro martes 30 de abril, data que na que terá lugar a presentación da mesma, ata o remate do mes de maio en horario de visita de luns a venres de 11 a 13 e de 17.30 a 20 horas.