O CONCELLO DE VILALBA ANUNCIA O INICIO DOS TRABALLOS DE PAVIMENTACIÓN E SINALIZACIÓN NA VÍA DE ACCESO AO NÚCLEO DE FERREIRO DE SUSO, NA PARROQUIA DE CODESIDO
Vilalba, 17 de marzo de 2021. O Concello de Vilalba informa á veciñanza do comezo das obras de mantemento, pavimentación e sinalización do vial municipal 065_106, que comunica a estrada provincial LU-P-6513 co núcleo de Ferreiro de Suso, na parroquia de Codesido.
Esta vía atópase actualmente sometida a un intenso tráfico, debido ao paso da veciñanza deste núcleo así como doutros próximos, como A Retorta, Refingoi ou Grandaille. Ademais, o paso de vehículos agrícolas ou gandeiros en dirección as importantes explotacións e parcelas agrarias da zona aumentan o fluxo de tráfico do vial.
Esta estrada é o percorrido natural dos veciños e veciñas dos núcleos de poboación citados en dirección ás principais vías de comunicación e ao casco urbano de Vilalba.
O paso do tempo e o uso do vial provocaron o seu deterioro, polo que actualmente certas zonas sofren deformacións e o pavimento desapareceu nalgúns puntos. Deste modo, a falta de capas superficiais de pavimento provoca que a superficie non sexa impermeable, axilizando de maneira notable o seu deterioro e supoñendo un risco para a seguridade viaria.
Para a mellora e mantemento desta vía, farase a limpeza e apertura de noiros en todo o seu percorrido e o recargo e nivelación das capas base para obter un perfil transversal homoxéneo da superficie da estrada, así como a nivelación da capa de rodadura. Ademais, procederase á sinalización vertical das interseccións.
Por último, na vía obxecto dos traballos existe unha intersección con outra vía sen pavimentar, de acceso a parcelas agrícolas, cuxa pendente provoca que as precipitacións abundantes arrastren materiais que invaden a calzada. Para evitar esta situación, está previsto colocar dous canos que conduzan ás augas de escorrentía, así como a pavimentación dunha superficie de 150 m2 de abanico, evitando o arrastre de materiais.
O Concello de Vilalba ten previsto un orzamento de 20.000 euros para estes traballos.
“Con estes traballos pretendemos mellorar tanto a seguridade viaria dos vehículos como dos peóns que empregan este vial”, afirma Luis Fernández, concelleiro de Infraestruturas de Vilalba.