INICIADAS AS OBRAS PARA A INSTALACIÓN DUNHA PISTA MULTIOCIO NO CAMPO DA FEIRA

A nova infraestrutura, que se prevé rematar para comezos do mes de abril, está deseñada para o ocio infantil e xuvenil, terá 230 metros cadrados e contará con porterías e canastras

O campo da feira contará nas vindeiras datas cunha nova infraestrutura deseñada para o ocio infantil e xuvenil.

Así o confirmou a alcaldesa, Marta Rouco, logo de visitar os traballos aos que a empresa adxudicataria deu comezo durante a presente semana. “Unha vez levantado o pavimento que había na zona, a empresa atópase no proceso de nivelado do terreo para posteriormente instalar a infraestrutura modular”, explicou a rexedora.

Así, as previsións do Concello son “ter a a pista multiocio instalada para finais deste mes ou comezos do seguinte, de forma que os rapaces e rapazas da nosa vila poidan gozar xa dela coa chegada do bo tempo” apuntou o concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Luis Fernández.

No referido ás características da infraestrutura, trátase dunha pista multiocio modular dunhas dimensións de 230 metros cadrados, delimitada por varandas de aceiro inoxidable.

Nos laterais da mesma, colocaranse porterías, ás que se sumará a instalación de canastras e o pintado do campo con pintura acrílica para a marcaxe da superficie de xogo.

“Así os rapaces e rapazas da vila terán á súa disposición un espazo no que xogar ao fútbol ou ao baloncesto de forma lúdica, do cal non se dispoñía ata este momento nos parques e xardíns municipais”, salientou a alcaldesa, Marta Rouco.

Pola súa banda, a colocación desta infraestrutura implicará o cambio de localización da área de autocaravanas, que se levará a cabo nas vindeiras datas. Mentres tanto e de forma provisional, as autocaravanas que visiten Vilalba poderán seguir utilizando a área localizada no campo da feira, quedando un espazo para tal efecto nunha das marxes da futura pista multiocio” explicou o concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Luis Fernández.

Finalmente, a alcaldesa de, Marta Rouco, adiantou que “esta actuación está incluída nun amplo proxecto de mellora e ampliación dos espazos públicos da nosa vila, que se suma ao futuro acondicionamento das beirarrúas e da calzada da rúa Benxamín Paz, a renovación da capa de rodaxe da Rúa Rouco Varela e do tramo da Avenida de Cospeito entre a Rúa de Foz e a Rúa de Abadín e a renovación de beirarrúas, repavimentación e sinalización do tramo bidireccional da Rúa Guitiriz”.