COMEZAN AS OBRAS DE INSTALACIÓN DO SISTEMA DE AIRE ACONDICIONADO NA ESCOLA INFANTIL MUNICIPAL

A empresa Cofrico, adxudicataria das obras, traballa dende onte na colocación do sistema coa previsión de ter rematado as obras a finais do mes de agosto

O Concello vén de informar que a empresa COFRICO, adxudicataria das obras de colocación dun sistema de climatización e ventilación na Escola Infantil Municipal, iniciou no día de onte os traballos para proceder á instalación do mesmo, de forma que se aproveita o peche da escola durante as vacacións de verán para non interromper o seu funcionamento habitual.

Nesa liña, os operarios comezaron xa a realizar as primeiras actuacións para canalizar o sistema de ventilación e climatización, que se sumarán nas vindeiras semanas á instalación e conexionado do sistema nas aulas da planta baixa do edificio, concretamente nas de 0 a 1 anos e na de 1 a 3 anos.

Ademais, o aire acondicionado tamén se instalará na zona común que funciona como patio de xogos e nos despachos de secretaría e dirección. De tal forma que o contrato das obras sumará un importe de 54.045 euros, con cargo ao Plan Único de Cooperación cos Concellos da Deputación de Lugo.

Como se explicou fai unhas semanas, o Concello pretende con esta obra “dar solución a un problema que cada verán se viña agravando por mor da chegada das altas temperaturas”, explicou a alcaldesa, Marta Rouco, que se achegou xunto ao concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Luis Fernández, a comprobar os primeiros avances das obras.

Así mesmo, a rexedora lembrou que se trata dunhas obras “imprescindibles para permitir que os nenos e nenas permanezan nas mesmas nunhas condicións óptimas e agradábeis” e sinalou que “a previsión é ter rematadas as actuacións para finais deste mes ou comezos do que vén, de tal xeito que o sistema poida aproveitarse nas últimas semanas de verán”.