O Concello de Vilalba publica un decálogo para fomentar o xogo e o xoguete non sexista e evitar a reprodución de estereotipos de xénero desde a infancia.
Os xoguetes e os espazos de xogo, como recursos educativos, teñen un papel fundamental na socialización de nenas e nenos, especialmente nos primeiros anos de vida. A elección destas ferramentas imprescindibles para o seu desenvolvemento cognitivo e social determinará a construción da identidade e, por tanto, a forma na que interpretarán o mundo e as relacións.
A adquisición ou creación dos xoguetes en datas como a do Nadal supón unha boa oportunidade para educar ás pequenas e pequenos en valores igualitarios, xa que ao longo da infancia gravan e aprenden a imitar as formas de actuar e decisións das persoas coas que conviven: familia, docentes, etc.
Os xoguetes sexistas reproducen e perpetúan estereotipos de xénero: as nenas deben ser presumidas, obedientes, e dedicarse aos coidados e tarefas do fogar, mentres que os nenos deben ser fortes, independentes e competitivos.
Acabamos xa con isto? Depende de todos nós!
O primeiro chanzo para mudar estas dinámicas é detectar na publicidade e nas tendas esta distinción por sexo, e tratar de ofrecerlles ás nenas e nenos catálogos onde os xoguetes non estean suxeitos a restricións de xénero, así como fomentar a idea de creación de xogos libres de estereotipos e violencias. A liberdade de elección deberá facerse efectiva nun contexto de promoción da igualdade, con formación e información baseada na perspectiva de xénero.
DECÁLOGO DO XOGO NON SEXISTA
1. Non hai xogos de nenos e de nenas. O sexo non determina os gustos e preferencias, senón a socialización que perciben desde a infancia. Cada xoguete pode desenvolver destrezas e habilidades distintas nas crianzas como persoas que son.
2. Non hai cores de nenas e de nenos, só etiquetas que limitan a creatividade. Non debemos esquecer que eliximos nós as cores, non ao revés.
3. Os xoguetes non son sexistas en si mesmos, pero si o son os usos que se lles dan para manter as desigualdades e roles entre nenos e nenas.
4. Aproveitemos a oportunidade educativa dos xogos, compartindo tempo e participando dos mesmos como persoas adultas para transmitir valores de igualdade e respecto, con especial atención á diversidade.
5. Promovamos os xogos e xoguetes que xunten a nenas e nenos en espazos de cooperación, participando da construción dun mundo máis igualitario e xusto.
6. Agasalla xoguetes para compartir que promovan a convivencia. Contribuirá ao benestar na infancia e na posterior idade adulta.
7. A escolla dos xoguetes debe ter en conta a seguridade dos mesmos, a adecuación á idade e a perspectiva de xénero, con xogos libres de prexuízos sexistas.
8. Rompe coas tendencias maioritarias en canto aos roles: fomenta a corresponsabilidade nas tarefas de coidados para os nenos, promove o liderado das nenas nos xogos.
9. Presta atención ao desenvolvemento dos espazos de xogos por parte de nenos e nenas: podes detectarsituacións de desigualdade ou estereotipos e tratar de reconducilos para contribuír ao libre desenvolvemento da súa personalidade.
10. Busca xogos e xoguetes non violentos, que potencien a igualdade na participación e a expresión de opinións, sentimentos e afecto sen distinción entre nenos e nenas.