AVANZAN A BO RITMO OS TRABALLOS DO PRIMEIRO INVENTARIO DE CAMIÑOS MUNICIPAIS CON REUNIÓNS NAS PARROQUIAS

O documento é unha ferramenta que dotará de maior seguridade xurídica á veciñanza e será de gran utilidade para accións de arranxo de vías ou desbroce.

O Concello de Vilalba avanza a moi bo ritmo cos traballos destinados a ter o seu primeiro inventario de camiños municipais.

O goberno local destaca a importancia deste proxecto, dado que non existía con anterioridade un inventario completo das vías do municipio. Aportará unha maior seguridade xurídica á veciñanza, cunha aclaración precisa sobre que vías son de titularidade pública e cales privadas.

Realizados xa os mapas das parroquias coas vías, o concello e a empresa encargada de realizar o inventario manteñen agora reunións cos veciños e veciñas de todas as parroquias, co obxectivo de aclarar dúbidas sobre a titularidade de todos os camiños

En concreto, xa houbo reunións en Noche, Nete, Xoibán, Ladra, Alba, Torre, Insua, Boizán e Mourence. “O inventario será fundamental para acometer no futuro actuacións como arranxo de vías e desbroces, eliminando as dúbidas sobre a titularidade dos camiños”, explica Rodrigo Pavón, tenente de alcalde e concelleiro de Servizos e Espazos Cidadáns de Vilalba.

A última fase do traballo será a entrega definitiva do inventario, que incluirá ademais a impresión de planos, fichas individuais de cada un dos bens inventariados e un listado de todos os camiños e fincas.

Unha vez listo, irá a pleno para unha aprobación provisional, tras o que se abrirá o correspondente proceso de expeosición pública e alegacións antes de volver ao plano para a súa aprobación definitiva

“Cando esté rematado o inventario, non será lóxicamente un documento pechado, poderán facerse modificacións co paso do tempo se cambian as circunstancias dos viais”, engade Pavón.