O Concello de Vilalba anunciou este luns un dos pratos fortes das festas patronais coa presenza do artista de orixe vilalbés Manu Chao, que dará por primeira vez na historia un concerto en Vilalba no marco das festas de San Ramón e Santa María 2022.
O concerto será gratuíto e as entradas poden retirarse na Casa da Cultura o xoves 4 de agosto de 15:00 a 21:30 horas, e o venres 5 de agosto de 09:00 a 21:00 horas. Cada persoa poderá retirar un máximo de tres entradas. No caso de restar entradas despois deses dous días, entregaranse na Casa da Cultura desde o día seguinte, sábado, no seu horario habitual (os sábados de 10:30 a 13:30 horas). En calquera caso, o concello informará do avance da repartición das entradas.
O músico, fillo do escritor vilalbés Ramón Chao, actuará o día 2 de setembro ás 22:30 horas na praza de Santa María cun formato acústico.
Dentro da xira que comezou este 2022 despois de oito anos sen ofrecer concertos en terras galegas, Manu Chao recalará en Vilalba, o lugar dos veráns da súa infancia. Debido ao formato da súa xira e por tanto, por motivos alleos á propia organización, o aforo estará limitado a 2.000 persoas.