A VIXÉSIMO NOVENA EDICIÓN DA FESTA DO QUEIXO SAN SIMÓN DA COSTA CELEBRARASE OS VINDEIROS 5 E 6 DE ABRIL

As entidades organizadoras do evento deron a coñecer a programación completa da cita que contará, entre outras actividades, con cata de queixo, pregón a cargo de Carlos Blanco e concertos de De Ninghures e Fillas de Cassandra

Na mañá de hoxe o Concello, a Asociación de Queixeiros de San Simón da Costa e o Consello Regulador da DOP San Simón da Costa, xunto á Caixa Rural Galega, principal patrocinador da cita, presentaron a vixésimo novena edición do evento que se celebrará na nosa vila os vindeiros días 5 e 6 de abril.

As xornadas de homenaxe ao emblemático queixo San Simón da Costa darán comezo o sábado 5 de abril ás 11:00 horas coa apertura da feira, cuxa carpa principal estará localizada na Praza da Constitución.

“Xa durante a mañá teremos actividades para dinamizar a xornada: unha cata comentada de queixo San Simón da Costa a cargo de Salomé Beiroa e da tarta de queixo de Eduardo Balsa ás 12:30 horas; e a partir das 13:00 actuación musical da Banda AC de Andrade”, salientou a alcaldesa, Marta Rouco.

Este ano, como novidade, haberá unha actividade durante toda a feira: unha cata interactiva da man da Ruta Europea do Queixo, asociación coa que a alcaldesa, Marta Rouco, e o presidente do Consello Regulador da DOP San Simón da Costa, Daniel Pérez, se reuniron en datas pasadas e á que o Concello de Vilalba se adheriu.

Durante a tarde, as actividades ampliarán o seu público e serán os máis pequenos os protagonistas dun taller de cociña infantil con queixo San Simón que terá lugar ás 16:00 horas na Praza da Constitución.

Para máis tarde conceder o protagonismo ao humorista e actor galego, Carlos Blanco, quen nesta edición será o encargado de dar o pregón ás 18:30 horas na Praza da Constitución e logo ofrecer un monólogo no Auditorio Municipal, para o que xa se poden mercar entradas en www.entradasvilalba.es.

“Pecharemos a xornada do sábado cunha cita musical imperdible: os concertos de De Ninghures e Fillas de Cassandra” apuntou a alcaldesa, Marta Rouco, quen engadiu que se trata “dunha decidida aposta do Concello por dinamizar a feira e promover que se achegue ata a nosa vila máis público e de diferentes idades, facendo de Vilalba unha festa”.

Nesa liña, a concelleira de Feiras e Mercados, Paula Vigo, salientou “o momento de auxe e crecemento no que se atopan os dous grupos, quen ofrecen un verdadeiro espectáculo musical que non deixará indiferente a ninguén”.

Así, De Ninghures comezará a súa actuación ás 22:00 na Praza de Santa María para logo dar paso a Fillas de Cassandra que actuarán ás 23:00 horas. “A pasada edición tivemos o pracer de gozar do concerto de The Rapants, que foi un verdadeiro éxito, e este ano quixemos manter esa liña” explicou a rexedora, Marta Rouco, quen animou “a todos os vilalbeses e vilalbesas a que se acheguen a gozar da Festa do Queixo, unha cita moi nosa á que, por suposto, están convidados todos os veciños e veciñas da contorna e todas as persoas que queiran descubrir a nosa vila da man dun dos nosos embaixadores: o queixo San Simón da Costa”.

Como é habitual a cita continuará o domingo, 6 de abril, xornada na que tamén se celebrará a feira mensual da nosa vila. A carpa abrirá as súas portas ás 10 da mañá e tamén haberá música para dinamizar o ambiente a cargo da Banda de Gaitas Mato Vizoso, dende as 12:30 horas.

“Para despedirnos desta vixésimo novena edición teremos o xa habitual domingo de baile no Centro Cultural, que coma sempre será de 5 a 8 da tarde e estará amenizado polo Dúo Hora Bruja, con sorteos gratuítos que daremos a coñecer moi prontiño”, concluíu a alcaldesa, Marta Rouco.