OS VECIÑOS E VECIÑAS DE VILALBA AFORRARON MÁIS DE 82.000 EUROS EN SEIS MESES COA MODIFICACION DAS ORDENANZAS FISCAIS MUNICIPAIS PARA REDUCIR OU SUPRIMIR O COBRO DE TAXAS
Vilalba, 8 de xaneiro de 2021. A Concellaría de Facenda do Concello de Vilalba modificou na primavera sete ordenanzas fiscais para reducir ou suprimir o cobro de taxas e tributos en beneficio de particulares e empresarios, unha medida aprobada para paliar as consecuencias da Covid-19.
No segundo semestre do ano, estas rebaixas supuxeron un aforro total de 82.170 euros para os vilalbeses, que puideron destinar estes cartos a outras necesidades.
En concreto, as exencións provocaron un aforro nas obras menores de 17.820 euros (cada veciño aforrou 140 euros), aos que hai que engadir 9.900 euros nas comunicacións previas (se pagaba 50 euros por cada unha e houbo 198).
Polo que respecta ás obras maiores, o aforro foi de 41.000 euros (41 obras nas que se pagou só o 1%), aos que hai que engadir 6.150 euros das comunicacións previas (150 euros por cada unha das 41 obras). Cada veciño aforrou 1.150 euros.
Nas licencias de cambio de titular ou de novas actividades, houbo 17 solicitudes, cun aforro de 300 euros en cada unha (5.100 euros en total), e solicitáronse 44 ocupacións de vías (50 euros de aforro en cada unha, 2.200 euros en total).
Hai que lembrar que o concello modificou a ordenanza sobre construcións, instalacións, obras e licenzas de primeira ocupación, de xeito que nas obras menores non se cobra o 2% sobre o orzamento, e nas obras maiores pasou do 2% ao 1%.
No que atinxe á ordenanza número 6 do municipio, sobre a apertura de establecementos, suspendeuse o cobro desta licenza que supoñía como mínimo 300 euros, así como o cambio de titularidade.
Tamén se suprimiu a taxa por expedición de documentos administrativos na expedición de licenzas urbanísticas recollida na ordenanza número 8, aforrando de 50 a 150 euros segundo o tipo de obra.
Non se cobran tampouco as taxas por ocupación de vía pública con mercadorías, valos, andamios e outras instalacións análogas. Por outra banda, cancelouse o cobro da tarifa básica para a nova implantación de actividades administrativas de inspección, control e verificación de actividades en réxime de declaración responsable, cun mínimo de 200 euros, nin as modificacións de licenzas.
Por último, realizouse unha modificación sobre o incremento dos terreos de natureza urbana (plusvalía), bonificando o 95% na transmisión de vivenda habitual e dos locais afectos a actividade económica exercida, por mortis causa a favor de descendentes, ascendentes e do cónxuxe. No caso dos locais, tense que manter a actividade durante un período de cinco anos. Tamén se bonificou nun 95% a cota íntegra do imposto nas transmisións de terreos naquelas actividades económicas que sexan declaradas de especial interese (tendo que ser aprobada a declaración polo pleno).
Todas estas bonificacións manteranse como mínimo durante todo o ano 2021 para reactivar a actividade.