O Vicealcalde e responsable de mobilidade Modesto Renda anunciou hoxe que o Concello vén de dar resposta á solicitude dos veciños e veciñas residentes na Rúa de Begonte. E fíxoo explicando os cambios en materia de sinalización que, no día de onte, se acometeron, a fin de dar unha solución a un problema circulatorio e de seguridade viaria que se viña agravando nos últimos anos.
“Os veciños/as e residentes trasladáronnos ao inicio da lexislatura unha queixa de anos e que se deriva imposibilidade de compaxinar unha dobre dirección nunha rúa tan estreita coa posibilidade de aparcar ás dúas marxes” explicou Renda.
Así,proseguiu, “as dúas posibilidades eran limitar o estacionamento a unha marxe ou fixar a dirección única da rúa, dándoselle a lóxica saída polo Paseo do Conde e permitíndose aparcar sen restricción algunha, en beneficio dos veciños/as desta zona”.
Finalmente, dende a Área de Mobilidade optouse por esta segunda opción, tal e como recoñeceu o Vicealcalde, por ser “a que máis consenso xerou entre o conxunto da veciñanza” e é por isto que agradeceu a implicación e apoio de todos e cada un dos veciños/as e residentes desta rúa que nos úlimos meses se achegaron ao Concello.