A marcha cicloturista comezará ás 9:00 horas na Praza da Constitución, dando o pistoletazo de saída a unha fin de semana de homenaxe e exaltación do queixo San Simón da Costa
A casa da cultura acolleu na mañá deste xoves a presentación da novena edición da Ruta BTT Terra Chá do queixo San Simón organizada polo Club Ciclista Terra Chá coa colaboración do Concello de Vilalba, a Deputación de Lugo, o Concello de Xermade e o Concello de Muras.
Nesta nova edición, a marcha cicloturista sairá o sábado 5 de abril da Praza da Constitución ás 9:00 horas, adiantándose con respecto á edición anterior para que “os participantes poidan rematar antes do mediodía, pois este ano o itinerario longo ten unha lonxitude de máis de 70 km e unha considerable complexidade” explicou o presidente do Club Ciclista Terra Chá, José Carreira.
O que tamén mudará será o itinerario da cita deportiva que dende a Praza da Constitución sairá cara á parroquia de Mourence, pasando por Santaballa ata chegar ao veciño Concello de Xermade e seguir o seu percorrido cara o Concello de Muras, dende onde os participantes chegarán de novo ao termo municipal vilalbés, pasando polas parroquias de Vilapedre, San Simón, Lanzós e Goiriz ata chegar de novo á Praza da Constitución.
A alcaldesa, Marta Rouco, salientou “as paisaxes únicas polas que discorre a proba, que permiten aos participantes descubrir a riqueza natural e paisaxística do noso concello e da comarca chairega que doutra maneira é complexo dar a coñecer”.
En canto aos niveis de dificultade do percorrido, nesta edición a ruta BTT volverá contar con tres niveis diferentes en función da distancia a percorrer e o desnivel, así como múltiples avituallamentos, un punto de lavado de bicicletas, duchas para os participantes e pinchos ao remate da proba.
As inscricións, cuxo límite serán 300 prazas, están abertas ata o vindeiro 1 de abril a través da páxina web www.ccnorte.com para todos aqueles e todas aquelas que queiran aproveitar a oportunidade de gozar do ciclismo, da Terra Chá, as súas paisaxes e de algo tan vilalbés como o queixo San Simón da Costa.
Para concluír a cita deportiva, a entrega de premios farase unha vez remate a lectura do pregón da Festa do queixo San Simón que nesta edición comezará ás 18:30 e será o humorista e actor galego, Carlos Blanco, o encargado de ofrecelo.
Finalmente, a rexedora, Marta Rouco, salientou “a aposta das entidades implicadas na organización desta ruta e da Festa do queixo por facer de Vilalba unha verdadeira festa a primeira fin de semana de abril, na que haberá actividades para todos os gustos e idades, combinando deporte con gastronomía, tradición, humor e música”.