A CONCELLERÍA DE SERVIZOS SOCIAIS SORTEARÁ DÚAS CESTAS DE NADAL NO BAILE DO DÍA 22 DE DECEMBRO

A programación do Concello suma esta iniciativa destinada aos asistentes do baile de Nadal que se celebrará no Centro Cultural

A alcaldesa e concelleira de Servizos Sociais, Marta Rouco, vén de presentar unha nova iniciativa que se suma á programación de Nadal do Concello: o sorteo de dúas cestas o vindeiro domingo, día 22, no baile que se celebrará no Centro Cultural.

“As cestas de Nadal, doadas por unha empresa de Vilalba á que agradecemos a súa colaboración, sortearanse entre os asistentes ao baile do día 22 no Centro Cultural”, explicou a rexedora.

Nesa liña, o vindeiro domingo 22 de decembro, a Concellería de Servizos Sociais organiza un baile de Nadal no Centro Cultural de 17.00 a 20.00 horas, amenizado polo Dúo Venus.

“Para quen non se anime a bailar tamén haberá xogos de mesa, o importante é xuntarnos para gozar dunha tarde entretida”, salientou Marta Rouco, ao que engadiu que “ás persoas asistentes faráselles entrega dun número para participar no sorteo, que se realizará ao longo da tarde e no que teremos dous gañadores, un para cada cesta”.

Finalmente, a alcaldesa, quixo convidar a todos os veciños e veciñas “a que se acheguen o domingo 22 de decembro ao Centro Cultural para bailar, falar e, se a sorte cae do seu lado, levar para a súa casa unha cesta con produtos de Nadal para gozar destas datas”.