A CONCELLERÍA DE INFANCIA E XUVENTUDE PRESENTA A PROGRAMACIÓN PARA O CONCURSO E OS ACTOS DO ENTROIDO 2025

As actividades comezarán o día 28 co desfile dos centros educativos e continuarán o martes de Entroido co tradicional concurso no que se repartirán máis de 5.500 euros en premios para rematar o mércores 5 co enterro da sardiña  

A alcaldesa, Marta Rouco, e a concelleira de Infancia e Xuventude, Paula Vigo, presentaron na mañá de hoxe a programación para o concurso e os actos do entroido 2025.

As actividades comezarán o venres 28 de febreiro, cando os protagonistas serán os nenos e nenas dos centros educativos da vila, quen desfilarán dende a Rúa Cuart de Poblet ata a Praza da Constitución a partir das 11:30 horas.

Uns días despois, o martes de Entroido, 4 de marzo, celebrarase o tradicional desfile dende a Estación de Autobuses ata a Rúa da Pravia, a partir das 16:30 horas.

Nesta edición, na que se repartirán máis de 5.500 euros en premios, os participantes poderán competir en sete categorías diferentes: individual infantil, individual adulto, parella ou trío infantil, parella ou trío adulto, grupos, comparsas infantís e comparsas de adultos.

Ademais, como en anos anteriores, haberá dous premios de 200€ cada un para os disfraces máis orixinal e máis simpático, que serán acumulables aos galardóns en calquera das categorías do concurso. Pola súa banda, tamén se repartirán 500€ entre as comparsas participantes que non resulten gañadoras, cun máximo de 100€ por agrupación.

“Desta forma contribuímos a que os participantes poidan custear os seus disfraces e desprazamentos ata a nosa vila, asegurándose levar un petisco aínda que non resulten gañadores do concurso”, explicou a alcaldesa, Marta Rouco.

En canto aos galardóns, “os importes irán dende os 75€ para o terceiro posto da categoría individual tanto infantil como adulto, ata os 800€ cos que poderá facerse a comparsa gañadora do primeiro posto na categoría de adultos”, salientou a concelleira de Infancia e Xuventude, Paula Vigo.

Así mesmo, Vigo adiantou que “as inscricións xa están abertas e toda a documentación que hai que presentar está recollida nas bases do concurso”, ao tempo que explicou que “a data límite para inscribirse será o día 26 de febreiro ás 14:00 horas e o medio para facelo será o envío dun correo electrónico a paula.vigo@vilalba.es”.

Finalmente, a programación de Entroido rematará o mércores 5 de marzo co pasarrúas, que dará comezo ás 19:30, e a representación do enterro da sardiña a cargo da Escola de Teatro de Vilalba. “Unha xornada na que teremos un doce típico destas datas, as filloas, totalmente gratuítas para todos os asistentes”, concluíu a rexedora, Marta Rouco.