A CONCELLERÍA DE INFANCIA E XUVENTUDE PRESENTA UNHA AMPLA E VARIADA PROGRAMACIÓN INFANTIL PARA CELEBRAR O SAMAÍN

O programa inclúe o tradicional concurso de cabazas, túnel do terror, inchables, actuacións e gastronomía chairega

A alcaldesa, Marta Rouco, e a concelleira de Infancia e Xuventude, Paula Vigo, veñen de presentar a programación infantil do Concello para a celebración do Samaín.

Un programa amplo e variado que comeza o xoves, 31 de outubro, coa actuación de Pakolas e Laura Romero, quen traerán ao Auditorio Municipal o seu espectáculo “Ramona Órbita. Cores, contos e rock”, no que contan a historia de Ramona Órbita, unha muller agricultora da Serra do Courel, que ten un ciberhorto con patacas automáticas, e tamén unha máquina do tempo, o seu mellor invento.

Un espectáculo dirixido ao público familiar e encadrado no programa Dinamiz-ARTj, promovido polo Instituto para a Transición Xusta (ITJ) e a Fundación Cidade da Enerxía (CIUDEN).

Ao día seguinte, o venres 1 de novembro, será a Praza da Constitución o epicentro da celebración infantil do Samaín, onde terá lugar o xa tradicional concurso de cabazas. Nesta edición a competición dividirase en dúas categorías: infantil, para menores de 12 anos, e familiar, para familias nas que cando menos terá que haber un membro con menos de 12 anos.

“Dende o Concello queremos animar a todos os nosos veciños e veciñas a que participen no concurso de cabazas, que cada ano ten unha mellor acollida e que ademais dunha tradición é todo un espectáculo, pois temos moitos artistas entre os nosos veciños”, sinalou a alcaldesa, Marta Rouco.

Así pois, os participantes poderán facer entrega das súas cabazas dende as 11.00 ata as 13.00 na Praza da Constitución, onde durante toda a tarde estará instalado o túnel do terror e varios inchables dirixidos ao público infantil e xuvenil. Un conxunto de actividades patrocionadas polo Grupo Entrepinares grazas ao acordo de colaboración logrado coa empresa vallisoleteana con sede na nosa vila para a promoción de actividades infantís durante as festas patronais, o Samaín e o Nadal.

Ademais, “as persoas que se acheguen ata á Praza durante a tarde tamén poderán gozar dunha merenda gratuíta a base de filloas, elaboradas en directo polas filloeiras de Muimenta”, engadiu a concelleira de Infancia e Xuventude, Paula Vigo.

Finalmente, a celebración infantil do Samaín pecharase coa entrega de premios do concurso de cabazas, ás 19.00 tamén na Praza da Constitución. Ámbalas dúas categorías contarán con primeiro, segundo e terceiro posto, os cales recibirán un diploma e un agasallo.