O proxecto “redes de saber” foi galardoado cun premio de 2.777 euros que a Biblioteca Municipal investirá en enriquecer o seu fondo literario
A alcaldesa, Marta Rouco, e a concelleira de Educación, Paula Vigo, na mañá de hoxe á subdelegada do goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, na Biblioteca Municipal con motivo da súa distinción nos premios María Moliner.
O proxecto “redes de saber” presentado pola Biblioteca Municipal foi galardoado cun premio de 2.777 euros polo Ministerio de Cultura, a través do concurso de proxectos de animación á lectura María Moliner en municipios de menos de 50.000 habitantes.
Unha importante achega económica que a Biblioteca Municipal investirá en enriquecer e incrementar o seu fondo literario, crear un centro de interese de linguas e levar a cabo un programa de desideratas que contará coa participación imprescindible dos usuarios e usuarias da biblioteca.
“Desideratas Vilalba será un espazo dedicado ás peticións dos usuarios e usuarias da Biblioteca Municipal para que, entre todos e todas, demos forma a unha colección literaria que reflexe o gusto dos lectores e lectoras da nosa vila”, explicou a rexedora, Marta Rouco.
Nesa liña, a Biblioteca Municipal vén de crear un formulario en liña a través do cal os usuarios e usuarias da Biblioteca Municipal poderán expresar as súas peticións, sobre as cales se lle requirirá información básica como o autor ou autora, o título do material ou o ISBN, entre outras cuestións.
PROXECTO REDES DE SABER
No proxecto presentado, a Biblioteca Municipal realizou unha detallada memoria das actividades levadas a cabo dende xaneiro do 2023 ata mediados do 2024, coincidindo coa data de entrega da solicitude dos premios María Moliner.
Un resumo de actividades no que destacaba a promoción da lectura e a animación cultural impulsada pola Biblioteca Municipal a través de propostas como talleres creativos, contacontos, concursos literarios e clubs de lectura cun forte impacto na comunidade.
Un traballo que a consolida como un importante centro cultural e educativo e que é observable a través de multitude de indicadores, como por exemplo o aumento de préstamo dos últimos anos, superando os 12.000 préstamos anuais.