A Alcaldía de Vilalba pon en marcha un novo servizo de información municipal vía Whatsapp. Así, a veciñanza disporá dunha nova canle de comunicación que lle permitirá estar informada de todo o que ocorre no concello a través do seu móbil e de xeito instantáneo.
Con este novo servizo, os veciños e veciñas poderán coñecer as últimas novidades sobre a actividade municipal, a axenda, obras, convocatorias, avisos urxentes e outras noticias e informacións de interese.
“Con esta nova canle, damos un novo paso para axilizar, dinamizar e garantir unha correcta información aos veciños e veciñas”, explica a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco.
O servizo consiste nunha lista de difusión, non é un grupo no servizo de mensaxería, polo que os usuarios non terán acceso aos datos ou información do resto dos rexistrados/as na canle de WhatsApp.
Para acceder a esta canle de whatsapp da Alcaldía de Vilalba, só hai que agregar á axenda de contactos o número teléfono 648 199 486 e enviar unha mensaxe coa palabra ALTA.
Este novo servizo entrará en funcionamiento o próximo xoves, 6 de xuño.