A ALCALDESA RATIFICA O SEU COMPROMISO COAS FESTAS PARROQUIAIS TRAS LOGRAR OS FONDOS NECESARIOS PARA CONCEDER AS AXUDAS ÁS COMISIÓNS DE FESTAS

A rexedora, Marta Rouco, conseguiu a colaboración da Deputación de Lugo para facer fronte a ditas subvencións coas que contarán as festas parroquiais, tal e como se viña facendo todos os anos

O Concello poderá aportar a axuda económica ás festas patronais das parroquias tal e como se viña facendo en anos pasados grazas a unha colaboración lograda pola alcaldía coa Deputación Provincial de Lugo.

A alcaldesa, Marta Rouco, que se comprometera persoalmente a solucionar unha necesidade altamente demandada pola veciñanza, reuniuse en días pasados co presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, para expoñerlle a necesidade de colaboración do ente provincial co Concello de Vilalba para que este puidera facer fronte ao gasto que supoñen as axudas nominativas ás comisións de festas das parroquias do municipio.

Así, despois de lograr o compromiso do presidente da Deputación, a Xunta de Goberno provincial aprobou esta mesma mañá a necesidade de colaboración entre ámbalas dúas institucións, de tal xeito que as comisións de festas vilalbesas recibirán, tal e como viña acontecendo en anos anteriores, as subvencións nominativas do Concello para facer fronte aos gastos dos festexos patronais.

“É algo que me comprometín persoalmente a solucionar cando se presentaron os orzamentos deste 2024 e a Concellería de Cultura decidiu non adicar ningún fondo á partida correspondente ás subvencións nominativas das festas patronais” explicou a alcaldesa, Marta Rouco, quen asegurou que se trata de “axudas moi importantes que sempre se deron e que mentres eu estea na alcaldía traballarei para que se sigan concedendo, porque manter vivas as nosas tradicións e as festas patronais das nosas parroquias é fundamental para dinamizar o noso concello”.

Deste xeito, unha vez asinado o convenio entre as partes, o Concello convocará aos representantes das comisións de festas das diversas parroquias vilalbesas para que estes procedan a asinar o seu acordo de colaboración co Concello.