A ALCALDESA, MARTA ROUCO, VISITA A MARIA DOLORES E VIRGINIA PARA FELICITALAS POLO SEU 103 E 100 ANIVERSARIO RESPECTIVAMENTE

Dúas novas mulleres que se suman a unha grosa lista de centenarios naturais ou residentes en Vilalba que a rexedora seguirá visitando para felicitalos persoalmente

Na mañá de hoxe, a alcaldesa, Marta Rouco, achegouse ata o Hospital Asilo para visitar a Virginia Fernández e felicitarlle o seu 100 aniversario. E fíxoo acompañada pola concelleira Paula Vigo, que tamén aproveitou a ocasión para felicitar a Virginia e, xunto a Marta, coñecer máis polo miúdo a súa historia de vida.

Virginia, que entra hoxe na lista de centenarios vilalbeses, é natural do barrio de Moreda, en Lanzós, e aínda que asegura non coñecer o segredo para chegar á súa idade, recoñece que lle encanta “facer crucigramas, saír todos os días e andar sempre ben arreglada”. Pero tamén hai cousas que non lle gustan tanto, como a soidade, “nunca estivo feita para min, antes eramos moitos en todos os lados, na casa, na escola, na parroquia” sinala Virginia, a quen lle segue gustando “atoparme coa xente que coñezo e falar”.

E é que o estado de saúde de Virginia non deixa indiferente a ninguén, transmitindo a súa alegría e o seu bo humor, igual que o fai Maria Dolores Quintela, quen en datas pasadas cumpriu 103 anos e tamén recibiu a visita da alcaldesa, Marta Rouco, e do concelleiro Luis Fernández.

“É moi satisfactorio que nos reciban con tanto cariño e para nós é un auténtico pracer coñecelas, desfrutar dun ratiño con elas e coñecer as súas historias” sinalou a rexedora, Marta Rouco, quen ademais asegurou que “continuaremos durante todo o ano con esta iniciativa porque estas persoas merecen un recoñecemento e tamén porque queremos dar a coñecer o gran número de persoas centenarias que viven en Vilalba, algo que polo xeral se descoñecía bastante”.