A rexedora vilalbesa solicitou unha nova reunión coa directora xeral de mobilidade para que “acheguen, dunha vez por todas, unha solución acorde ás necesidades do noso municipio”
A alcaldesa, Marta Rouco, solicitou no día de onte unha nova reunión coa directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, co obxectivo de que dende a Xunta de Galicia desbloqueen a situación da estación de autobuses e “acheguen, dunha vez por todas, unha solución acorde ás necesidades do noso municipio”.
Tras case doce meses de agarda a alcaldesa e a directora xeral de Mobilidade reuníronse na estación de autobuses da capital chairega a comezos do mes de outubro. Foi entón cando Judit Fontela se comprometeu a estudar as dúas posibles solucións para a estación de autobuses de Vilalba.
A alcaldesa propúxolle durante o encontro manter as dársenas actuais, de forma que todas as empresas de autobuses acudan a elas para deixar e recoller pasaxeiros, instalar nesa mesma zona unha infraestrutura que permita aos viaxeiros resgardarse mentres agardan e habilitar un acceso aos baños.
Ademais, para a rexedora, Marta Rouco, “é fundamental que se instale algún panel informativo coas rutas e os horarios e acondicionar a contorna”. Pola súa banda, dende a dirección xeral de Mobilidade propoñían instalar unha dársena nas inmediacións da estación, o que suporía o peche definitivo do recinto.
Un mes e medio despois da visita da directora xeral de mobilidade a alcaldesa asegura que “non obtiven ningún tipo de proposta nin solución ao respecto, así como tampouco recibimos resposta á problemática do transporte escolar e integrado no noso municipio”.
Nesa liña, Rouco tamén lle trasladou no último mes unha nova problemática do transporte escolar á dirección xeral de mobilidade. En concreto, “fíxenlles chegar a situación dunha familia dun neno de 3 anos que se ven obrigados a esperar o autobús na beiravía da estrada”, asegura a alcaldesa, Marta Rouco, quen aproveitou para enviar, de novo, a carta das familias afectadas polas incidencias no transporte escolar e no transporte integrado de múltiples parroquias do municipio.
En vista do bloqueo da situación Marta Rouco solicitou no día de onte “unha cita coa directora xeral de mobilidade, Judit Fontela, á maior brevidade posible, para abordar cuestións que son fundamentais para o noso Concello e os nosos veciños e veciñas”.