O presidente do ente provincial, José Tomé, visitou na xornada de onte algunhas das múltiples actuacións levadas a cabo polo Concello a través do Plan Único 2024
A alcaldesa, Marta Rouco, recibiu na mañá de hoxe ao presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, na Casa da Cultura, onde comezaron a súa visita por varias das actuacións levadas a cabo polo Concello a través do Plan Único 2024.
Na recepción ao presidente do ente provincial, a alcaldesa, Marta Rouco, salientou “o decidido compromiso da Deputación co noso Concello, que nos permitiu sacar adiante proxectos fundamentais para os nosos veciños”, ao tempo que explicou que “ademais das achegas do Plan Único, a administración provincial consolidou o seu compromiso con Vilalba a través de múltiples acordos, como o recente financiamento do programa de Dinamización Rural; cuestión da que debería tomar exemplo a Xunta de Galicia”.
Logo de anunciar un novo acordo por importe de 133.000 euros para arranxar a cuberta da Casa da Cultura, José Tomé e Marta Rouco visitaron a escola infantil municipal, a Escoliña, para comprobar o resultado das obras de colocación dun sistema de climatización e ventilación. Dita actuación contou cun orzamento de 54.045 euros, con cargo ao Plan Único de Cooperación cos Concellos da Deputación de Lugo.
Posteriormente, as autoridades desprazáronse ata o CEIP Manuel Mato Vizoso, onde se desenvolverá un proxecto de renovación completa do pavimento da pista do pavillón. Neste caso, unhas obras cun orzamento de licitación de 73.502,73 euros, que xa se atopan no período de avaliación previo á súa adxudicación.
Pola súa banda, o presidente da Deputación e a alcaldesa de Vilalba aproveitaron a xornada para visitar outras actuación alleas ao Plan Único, entre as que se atopa a futura rehabilitación do firme e sinalización que se levará a cabo na LU-P-6513 ao seu paso pola Rúa do Rollo e a Rúa da Ferrería; así como o obradoiro de aromaterapia levado a cabo na escola de Nete a través do Programa Ninfa, posto en marcha polo ente provincial e a Asociación de Mulleres empresarias da provincia de Lugo.
OUTRAS ACTUACIÓNS
Ademais das obras visitadas o Concello de Vilalba acometeu unha longa listaxe de proxectos a través do Plan Único de Cooperación cos Concellos da Deputación de Lugo, entre os que se atopan: a reforma do acceso e da cuberta dun dos almacéns do Estadio Municipal da Madalena, a repavimentación da rúa Conde Pallares e da travesía que une a Avenida da Terra Chá coa Rúa Mondoñedo, a mellora das rúas da contorna da Praza da Constitución, o pintado de rúas no casco urbano ou o subministro de luminarias solares, entre outros.
Unha serie de proxectos aos que se suman a contratación de 8 traballadores, 4 para o servizo municipal de obras e 4 para os departamentos de administración e xestión local, a achega de máis de 28.000 euros para o SAF, as obras de rexeneración da Ponte da Ribeira, en Samarugo e a mellora de accesos ao barrio de Picoi, en Árbol, e de Abelaira, en Corvelle.
Finalmente, na liña do salientado pola alcaldesa, Marta Rouco, a Deputación de Lugo asinou importantes convenios coa capital da Terra Chá na presente anualidade. Por unha banda, o Concello de Vilalba dispuxo durante 4 meses do parque móbil da Deputación para acometer a rexeneración de numerosas pistas no rural, asinouse unha colaboración para poder dotar ás comisión de festas das habituais axudas por parte do Concello e financiouse o programa de Dinamización Rural que vén de comezar en 16 parroquias do rural vilalbés.