A ALCALDESA, MARTA ROUCO, RECLÁMALLE UNHA SOLUCIÓN URXENTE Á XUNTA DE GALICIA ANTE A REITERADA FALTA DE PEDIATRAS NO CENTRO DE SAÚDE DA VILA

A situación afecta directamente ao Servizo de Atención Temperá da vila, chegando algunhas familias a acudir a pediatras privados para ser derivados a este servizo que, á súa vez, acumula meses sen a coordinación e o seguimento necesarios dos casos que se tratan  

A alcaldesa, Marta Rouco, vén de denunciar unha nova situación de falta de pediatras no centro de saúde da vila dende hai 2 semanas, polo que reclama unha solución urxente á Xunta de Galicia.

A rexedora asegura que se trata “dun problema moi grave, que afecta ás nosas familias e á saúde dos nosos veciños e veciñas”, ao tempo que engade que “non é unha situación puntual, fai cuestión dun mes estabamos nas mesmas circunstancias, coas dúas pediatras en situación de baixa laboral e sen substitutos para ningunha das dúas prazas”.

“As solucións que se dan son parches, entre elas que os profesionais de atención primaria de adultos atendan as urxencias pediátricas, acudir a centros de saúde doutras localidades ou realizar polas tardes os controis de idade, de forma puntual e sen ningún tipo de continuidade”, salientou a alcaldesa, Marta Rouco.

Ademais, “hai casos de nenos e nenas que precisan dun seguimento por parte de especialistas pero que levan meses sen cita porque no centro de saúde non hai pediatras para poder derivalos á consulta que corresponda”, sinalou Marta Rouco.

Nesta situación atópanse tamén as familias con nenos e nenas con necesidades específicas que acoden ao Servizo de Atención Temperá de Vilalba e “teñen dificultades para que os seus fillos e fillas sexan derivados dende o servizo de pediatría a consultas como as de neuropediatría ou rehabilitación, entre outras” apuntou a rexedora. 

“E non só iso, esta situación afecta á detección de posibles signos de alarma nas revisións periódicas ás que acoden as familias, o que dificulta as derivacións ao Servizo de Atención Temperá”, engadiu Rouco. “Coñecemos casos de familias que detectan estes signos de alarma e están recorrendo a pediatras privados para ser derivados a este servizo”, apuntou a rexedora.

Así mesmo, a falta de pediatras no centro de saúde tamén está afectando á coordinación dos casos que se están tratando dende o Servizo de Atención Temperá de Vilalba, pois acumula meses sen seguimento por parte dos profesionais sanitarios. “Estaba programada unha reunión de seguimento da situación dos usuarios e usuarias en setembro que se atrasou ata decembro e que a día de hoxe segue sen producirse, e isto inflúe no seguimento e na evolución dos menores que acoden ao servizo”, concluíu a alcaldesa.