A ALCALDESA E A CONCELLEIRA DE DEPORTES RECIBEN NO CONCELLO AO EQUIPO CADETE FEMININO DO CLUB DE TRIATLÓN AP SAN RAMÓN

O goberno local concertou a visita das rapazas para recoñecer o seu último logro, o ascenso á Primeira División na Liga Talento de triatlón

A alcaldesa, Marta Rouco, e a Concelleira de Deportes, Paula Vigo, recibiron na tarde de hoxe ás integrantes do equipo Cadete Feminino do Club de Triatlón AP San Ramón de Vilalba, que veñen de alcanzar un meritorio ascenso á Primeira División na Liga Talento de Triatlón.

Sara Basanta, Nerea Guerra, Mariña Esmorís, Eugenia Vérez e Andrea Vivero son as cinco integrantes que conforman o equipo cadete femininio do club de triatlón vilalbés e que se situaron esta tempada no segundo posto da Segunda División, o que lles permitiu dar o salto á Primeira.

Ademais das cinco rapazas, tamén foron protagonistas da recepción os seus compañeiros que participaron con elas nas competicións por relevos e que as acompañaron tamén na visita ao Concello; arroupadas ademais por outros integrantes do club, o adestrador e as súas familias.

“É un orgullo para nós ver crecer aos clubs da nosa vila e poder felicitalos en cada un dos seus logros” sinalou a alcaldesa, Marta Rouco, que calificou o equipo cadete feminino de triatlón como “un auténtico exemplo de esforzo e dedicación ao deporte, pois estamos a falar dunha disciplina moi esixente na que estas rapazas veñen de demostrar que son grandes promesas”.

Para amosarlles a súa admiración e o recoñecemento ao recente logro acadado, a alcaldesa, Marta Rouco e a Concelleira de Deportes, Paula Vigo, agasallaron ás protagonistas co recoñecemento oficial da instutición local, un pin co escudo do Concello. Ademais, a rexedora aproveitou para transmitirlles persoalmente a súa admiración e felicitacións, ao igual que a concelleira Paula Vigo.

Finalmente, Rouco lembrou que “nos últimos meses recibimos a varios deportistas de distintas disciplinas no noso Concello para felicitalos polos seus logros, o que amosa as grandes promesas que temos no noso municipio e o compromiso co deporte da veciñanza vilalbesa”.