A ALCALDESA DE VILALBA LAMENTA “O DESPREZO INSTITUCIONAL E O USO PARTIDISTA” DO ACTO DE ANIVERSARIO DO CENTRO SOCIOCOMUNITARIO

O Concello de Vilalba denuncia unha vez máis “a ausencia de respecto e cortesía institucional por parte de Xunta e do PP”, xa que nin a alcaldesa nin ningún representante do grupo de goberno recibiron un convite para asistir ao XXXVI aniversario do Centro Sociocomunitario de Villaba.

“É unha situación inconcebible e non é a primeira vez que pasa, é unha mágoa que se faga un uso partidista dun acto tan emotivo como este, no que se homenaxeaba aos colectivos de voluntarios que participan nos diferentes programas do centro”, afirma Elba Veleiro, alcaldesa de Vilalba.

Nin a Delegación da Xunta en Lugo nin o director do centro, José Antonio Pita, ex concelleiro do Partido Popular e membro actual da executiva local do PP, cursaron unha invitación ao acto aos representantes do grupo do goberno no concello. “Gustaríame saber se a actual voceira e presidenta do PP en Vilalba, Sandra Vázquez, foi coñecedora desta situación e avala este proceder”, engadiu a rexedora.

“A miña felicitación polo aniversario a usuarios, traballadores e persoas voluntarias, aos que enviei 36 rosas para darlles a noraboa, pero lamento que nin dirección do centro nin a Delegación da Xunta tiveran a ben invitarme a participar, como representante de todos e todas as vilalbesas, nos actos de celebración”, apunta Veleiro.

“Os representantes públicos debemos dar exemplo, é unha mágoa que reiteradamente se falte ó respecto institucional a este concello e os seus representantes, e que se faga electoralismo político de institucións públicas que nos pertecen a todos os cidadáns”, remata a alcaldesa de Vilalba.