A ALCALDESA DE VILALBA LAMENTA A “DESLEALDADE INSTITUCIONAL” DO DELEGADO TERRITORIAL DA XUNTA

A alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, lamenta a “deslealdade institucional” do delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias, que estivo onte no concello sen avisar a ningún representante do goberno local.

“Non é a primeira vez que pasa e lamentamos este tipo de comportamentos, avisando da visita aos concelleiros do PP pero non á alcaldesa ou aos concelleiros e concelleiras do goberno municipal”, afirma Elba Veleiro.

Arias estivo onte no IES Lois Peña Novo de Vilalba e Veleiro lembra “os proxectos que hai pendentes no concello nos que ten competencias a Xunta de Galicia, polo que é difícil entender que non se avise dunha vista do delegado territorial”.

“Falamos dun uso partidista das institucións e creo que os veciños e veciñas defenden e piden todo o contrario, a colaboración e o diálogo constante entre as administracións”, engade.

A alcaldesa de Vilalba mantivo nos últimos meses reunións co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o delegado territorial da Xunta para intentar axilizar cuestións prioritarias para o Concello, como a construción dun centro de día.