A ALCALDESA DE VILALBA INFORMA DO PRÓXIMO REMATE DAS OBRAS DE MELLORA DA DEPURADORA TRAS UN INVESTIMENTO DE 1,5 MILLÓNS DE EUROS

Elba Veleiro, alcaldesa de Vilalba, e José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), organismo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica, visitaron esta mañá as obras de mellora do saneamento e a depuración do municipio, nas que o investimento final supera os 1.500.000 euros.

O obxectivo das obras é limitar as verteduras sen tratamento adecuado ao río Madalena, para o que se acometeron dúas actuacións: a ampliación do pretratamento da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Vilalba e a construción dun tanque de tormentas, para a laminación e regulación de caudais en tempo de choiva.

Estas obras permitirán reter no tanque as primeiras augas de choiva, máis contaminadas, e envialas posteriormente á EDAR para o seu tratamento, evitando desta forma as verteduras. Os traballos estarán listos a finais outubro.

“Unhas obras moi importantes para Vilalba, que nos permiten avanzar coa mirada posta en solucionar un problema recurrente que afecta, por un lado, ao noso medio natural, e por outro, a moitas familias de Vilalba”, explica Elba Veleiro.

Pola súa parte, José Antonio Quiroga apuntou que “con estas actuacións solucionaremos a problemática antiga e recurrente de verquidos que sufre o río Madalena e daremos un mellor servizo a 10.000 persoas”.

Nestes momentos, cando case a totalidade da obra civil e a instalación de equipos electromecánicos está rematada, os traballos están centrados na electrificación de equipos, a urbanización das zonas afectadas polos traballos e no peche do edificio de pretratamiento mediante instalación da súa cuberta, as portas de acceso e demais acabados interiores e de fachada.

“O goberno local socialista de Vilalba conseguiu este proxecto tan importante para Vilalba, tras varios intentos sen éxito por parte dos executivos do PP, incluso cun compromiso do entón conselleiro de Infraestruturas da Xunta para un novo pozo de tormentas que nunca chegou”, engade Veleiro.

Tras a construción do tanque de tormentas e as mellora do pretratamiento na propia EDAR, haberá outras actuacións na mellora do Ciclo de Auga no Concello de Vilalba.