A ALCALDESA DE VILALBA, ELBA VELEIRO, E O CONCELLEIRO, EDUARDO VIDAL, ASISTEN Á RODAXE DA PELÍCULA ‘TRATAMOS DEMASIADO BIEN A LAS MUJERES’ EN SAN SIMÓN DA COSTA

A alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, e o concelleiro de Servizos, Eduardo Vidal, asistiron onte á tarde a unha das xornadas de rodaxe da película ‘Tratamos demasiado bien a las mujeres’.

A longametraxe que filma a produtora santiaguesa Ficcion Producións na Escola Habanera da parroquia vilalbesa de San Simón da Costa está dirixida por Clara Bilbao -gañadora de catro Premios Goya- e protagonizada por Antonio de la Torre e Carmen Machi, ademais de contar coa participación de Luis Tosar ou Nancho Novo.

Xunto a representantes da Xunta e da Deputación provincial, Elba Veleiro e Eduardo Vidal  puideron coñecer de preto as rutinas de traballo dunha longametraxe destas características, unha comedia negra ambientada nos anos corenta, e coñecer de preto aos seus actores.

Máis de cen persoas participan nesta rodaxe que continuará co seu proceso de gravación ata mediados de maio.

“Para o Concello de Vilaba é unha verdadeira honra atraer este tipo de proxectos que poñen en valor o noso municipio, a nosa natureza e a nosa contorna, ademais de axudar a dinamizar o sector comercial e hostaleiro da vila”, subliña a alcaldesa Elba Veleiro.

“Queremos unha vez máis agradecer aos veciños e veciñas a súa paciencia e comprensión polas molestias que se poidan ocasionar, e pola colaboración que están a amosar dende o primeiro día desta rodaxe”, engade o concelleiro Eduardo Vidal.