O Concello aporta 120.000 euros ao evento que se suman a achega de 50.000 euros por parte da Deputación de Lugo
A alcaldesa, Marta Rouco, visitou na mañá de hoxe xunto á concelleira de cultura, Mónica González e o deputado provincial, Pablo Rivera, as instalacións do escenario principal do FIV.
A décimo oitava edición do festival arrancará mañá venres, 25 de abril, continuando durante a xornada do sábado cun atractivo cartel de actuacións musicais e actividades para todos os públicos.
A Deputación de Lugo achega nesta edición 50.000 euros para a celebración do evento cuxa importancia destacou o deputado Pablo Rivera, quen subliñou que se trata “dunha cita consolidada no panorama musical da comarca e da provincia, e desde a Deputación queremos continuar a apoiar este evento cultural, que tamén repercute positivamente na economía local”.
Nesa liña, a alcaldesa, Marta Rouco, salientou “o agradecemento do Concello e meu como alcaldesa e representante dos veciños e veciñas a outra mostra máis do compromiso e a colaboración da Deputación co noso municipio”.
Pola súa banda, o Concello como principal patrocinador do evento realiza unha aportación de 120.000 euros cos que “seguimos apostando por un festival que implica unha importante actividade económica para a vila, fundamentalmente para os comercios locais, a hostalaría e os establecementos hoteleiros”.
Durante o percorrido, as autoridades coñeceron o escenario principal do Festival Independente de Vilalba, no que actuarán, entre outros, The Rapants, Galician Army, León Benavente, Shinova e Leria, durante dúas xornadas nas que Vilalba se tinguirá de fucsia e gozará dunha das citas máis destacadas na vila.
“O ambiente que se respira no FIV é único, unha experiencia que todos e todas deberiamos vivir como mínimo unha vez na vida, pero que habitualmente leva ás persoas a repetir polas boas sensacións que experimentas neste festival; nós non podemos estar máis felices e satisfeitos de que a xente marche da nosa vila cun bo recordo” asegurou a concelleira de Cultura, Mónica González.
Finalmente, a alcaldesa, Marta Rouco, aproveitou para “advertir aos indecisos e indecisas de que quedan poucos abonos, polo que convén que merquen canto antes a súa entrada para vivir unha experiencia única na que coñecerán Vilalba e o seu encanto”.