I CONCURSO DE MÚSICA LOCAL

Bases-I-Concurso-Musica-Local-1

ANEXO-I-.-FOLLA-DE-INSCRICION.-I-Concurso-Musica

ANEXO-II-.-AUTORIZACION-MENORES.-I-Concurso-Musica

 

O Concello de Vilalba, a través da concellería de Cultura, convoca o seu ‘I Concurso de Música Local’ co obxectivo de apoiar as propostas musicais no eido municipal, divulgando e dando a coñecer os seus traballos, así como premiando a creatividade e innovación das persoas e grupos participantes.

Poden concursar todas as persoas que integran grupos de música, asociacións, dúos, solistas ou calquera outra proposta musical de Vilalba, consolidados ou de nova creación. Polo menos unha das persoas que formen parte do grupo deberá estar empadroada no concello.

A concelleira de Cultura, Vanesa Siso, presentou esta nova iniciativa “necesaria nun lugar como Vilalba, no que existen e existiron moitos grupos de música e no que hai unha canteira latente que debe contar co apoio institucional. A relación de Vilalba coa música vén de antigo e debe perdurar no tempo, acompañando todo o talento que temos e que debemos visibilizar”.

O xurado será nomeado mediante resolución da alcaldía, e estará composto por persoas vencelladas ao eido musical. Nunha primeira fase, seleccionará de entre todos os traballos presentados un máximo de dez. Na fase final, as propostas seleccionadas como finalistas serán convocadas para unha actuación en directo.

Outorgaranse dous premios ás mellores propostas musicais de 1.000 e 500 euros de entre os finalistas do concurso que actúen o día proposto pola organización. O primeiro premio tamén será obsequiado coa gravación en estudo da peza musical galardoada e a gravación dun videoclip da mesma.

Os interesados en participar deberán presentar a documentación pertinente e recollida nas bases no rexistro xeral de xeito presencial, ou a través da Sede Electrónica, ata as 23:59 horas do día 30 de xuño de 2022. Os temas a interpretar deberán enviarse ao email cultura@vilalba.es en formato mp3 ou mp4 (audio ou vídeo), despois de presentar a solicitude e a documentación precisa e dentro do prazo establecido.

Poderán participar menores de idade sempre que no grupo/dúo ou similar figure como mínimo unha persoa maior de idade. Admítese a concurso calquera xénero musical, con letra e música orixinais, ou, en todo caso, sen dereitos de autor sobre a mesma. Non se aceptarán letras con mensaxes de odio ou ofensivas e as pezas terán unha duración máxima de 3 minutos.