O delegado do goberno en Galicia, José Miñones, destacou hoxe en Vilalba os 7 millóns de euros en investimentos do Goberno que recibirá a vila polos proxectos e as xestións realizadas desde o concello.
Na súa visita, Miñones felicitou á alcaldesa, Elba Veleiro, pola consecución dunha axuda de medio millón de euros do Instituto para a Transición Xusta por un innovador proxecto municipal de infraestruturas ambientais, sociais e dixitais, coa inclusión de conxuntos arbóreos e zonas verdes en varias rúas do casco urbano, facilitando ademais a accesibilidade das persoas con mobilidade reducida.
Para a obtención da subvención, foi fundamental que o concello tivese un Plan de Mobilidade, forme parte do Paces (Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible) e iniciase neste mandato unha aposta pola humanización e a sostibilidade no casco urbano.
Ademais, Miñones destacou a importancia que ten para a veciñanza a mellora da conectividade coa achega da fibra óptica a 4.200 vivendas e empresas vivendas e fogares do municipio grazas ao Plan ÚNICO-Banda Ancha, valorada en 1,1 millóns de euros.
Tamén o aforro que supoñerá para o Consistorio a mellora da eficiencia da iluminación pública, con tres axudas por máis de 400.000 euros do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), do Ministerio para a Transición Ecolóxica.
A estes investimentos súmanse os 900.000 euros do Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana que permiten rehabilitar a Casa do concello de Vilalba de maneira sostible, reducindo nun 80% o consumo de enerxía, no marco do Programa de Impulso á Rehabilitación dos Edificios Públicos (PIREP).
Dentro da aposta pola sustentabilidade, neste caso no campo turístico, resaltou o investimento de 1,1 millóns de euros para a reforma do Parador de Vilalba.
O Estado achega tamén 2,8 millóns de euros dentro do convenio coa Confederación Miño-Sil para mellorar o saneamento e a EDAR de Vilalba.
A alcaldesa de Vilalba agradeceu “o apoio do Goberno, con investimentos que son o froito do traballo realizado desde o concello, con proxectos pensados para mellorar a vida dos veciños”.
“O Goberno é a administración que máis está a investir nos concellos de Galicia”, engadiu o delegado do Goberno. José Miñones reivindicou a transición como un necesario cambio de paradigma para impulsar o emprego verde e de calidade.