VILALBA RECIBE AO ALUMNADO DE BURELA NUN INTERCAMBIO ENTRE CENTROS EDUCATIVOS DE AMBOS MUNICIPIOS

Vilalba acolleu hoxe ao alumnado do IES Monte Castelo de Burela, no marco dun programa de intercambio educativo e cultural co CEIP Terra Cha de Román. A actividade, baixo o nome de “Os camiños da terra, os camiños do mar” busca coñecer ambas vilas mediante visitas educativas no eido cultural, educativo e patrimonial.

A alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, e a concelleira de Educación, Infancia e Mocidade, Antía Rama, acompañaron ao alumnado na súa visita. A rapazada de Vilalba fai de anfitrioa para os pequenos/as de Burela nesta iniciativa, ensinándolle a súa vila.

O grupo de Burela coñeceu hoxe diferentes puntos de Vilalba, como a Torre dos Andrade, a Praza da Constitución, a praia fluvial ou a casiña do Ratiño Pérez. Na organización da actividade contouse coa colaboración da oficina de turismo de Vilalba, quen facilitou o material informativo.

Na visita que realizarán a Burela, o alumnado de Vilalba coñecerá a súa lonxa e barco museo da vila.

Dende o Concello de Vilalba agradecen o esforzo do profesorado de ambos centros, por esta iniciativa pioneira para descubrir o patrimonio de ambos municipios. Tamén agradecen o labor da Oficina de Turismo de Vilalba, pola súa axuda e facilitar o material para a actividade.