VILAESCOLAS DE VERÁN 2021

O CONCELLO DE VILALBA PRESENTA AS VILAESCOLAS DE VERÁN PARA FACILITAR A CONCILIACIÓN DA VIDA FAMILIAR E LABORAL CON TODOS OS PROTOCOLOS COVID-19

O Concello de Vilalba presentou hoxe as Vilaescolas de Verán 2021, unha iniciativa para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral durante o periodo estival tendo en contra todos os protocolos e recomendacións Covid-19.

Elba Veleiro, alcaldesa de Vilalba, e Antía Rama, concelleira de Educación, Infancia e Mocidade, presentaron en rolda de prensa esta programación, novedosa e independente dos tradicionais campamentos dos concellos, dos que se informará nas próximas datas.

“Despois dun curso moi complicado, desde o concello quixemos facer un esforzo e ampliar a oferta con estas vilaescolas e os tradicionais campamentos, dándolle máis posibilidades ás familias con actividades nas zonas urbanas e rurales”, afirmou a alcaldesa de Vilalba.

“Durante o curso foi imposible levar a cabo as escolas deportivas, das que tantas familias son usuarias, polo que quixemos recuperalas no verán con estas vilaescolas, nas que aínda haberá limitacións pero desexamos que a situación epidemiolóxica sexa boa”, explicou Rama.

As escolas máis novidosas serán de parkour, breakdance, obradoiro de primeiros auxilios, manexo de drons, escalada e rutas BTT, que se unirán a outras máis asentadas como ioga, patinaxe, pilates, loita, kaiak ou tenis.

As actividades están establecidas como sempre, por idades e quendas, “e o que varían son os lugares de impartir as clases, pasando do pavillón que utilizamos no inverno ao río, a esplanada da piscina ou na propia praza da Constitución”, apuntou a concelleira. A día de hoxe, o número total de nenos e nenas que poderán participar son 503 (serían 587 sen restricións).

Haberá tamén actividades nas parroquias, facendo agrupación das mesmas para que sexa operativo, en Moreda, Santaballa, Insua, Oleiros e Árbol, cun número de alumnos en total en cada unha das sesións de dez persoas (dous días á semana unha hora cada día).

Ademais das escolas extensivas, que durarán todo o verán (dende o día 22 de xuño ao 8 de setembro), haberá actividades puntuais como as rutas BTT e os primeiros auxilios, ou intensivas dunha semana (escalada e obradoiros de drons).

A inscrición das extensivas será dende o día 2 de xuño ao día 15 xuño polos seguintes medios: sede electrónica con certificado dixital ou chave 365 ou na páxina www.sportia.com, e as puntuais desde o 2 de xuño ata 7 días antes do seu comezo. Por outra banda, os prezos das mesmas serán: 30 euros as extensivas, 20 as intensivas (escalada e drons) e 3 euros as puntuais (BTT e primeiros auxilios).

Non importará a orde de inscrición, xa que se ordearán por orde alfabética e asignaráselle un número. Se hai máis inscritos que prazas, farase un sorteo dos números asignados (o mesmo para a lista de agarda). De non cubrirse a metade das prazas dunha escola ou actividade, quedará anulada e intentará reubicarse aos nenos e nenas. As bases estarán publicadas na web para que todos os veciños poidan consultalas.

Por último, lembrar de novo que este ano haberá tamén os tradicionais campamentos do concello, dos que se darán todos os datos nuns días, para nenos e nenas nados entre os anos 2009 e 2016 e con dúas quendas (do 12 ao 30 de xullo e do 2 ao 20 agosto).

“Queremos axudar a que este verán sexa más levadeiro, mentres avanza o programa de vacinación e co desexo de que recuperemos a normalidade no próximo curso académico”, rematou Antía Rama.