O contrato será por un ano prorrogable ata tres anos, co obxectivo de facer un control sobre a prestación do servizo
O Concello de Vilalba fixo hoxe públicos os pregos da licitación dos servizos de limpeza e conserxería nos edificios e instalacións municipais, un concurso no que o grupo de goberno local leva meses traballando.
O servizo engloba o edificio do concello, a biblioteca, o auditorio, o pavillón de deportes, os centros educativos de Vilalba, os baños públicos e outras instalacións municipais, así como as prazas de conserxería.
O contrato será por un ano prorrogable ata un máximo de tres anos, co obxectivo de facer un control sobre a prestación do servizo e as condicións dos traballadores da empresa concesionaria. Os pregos están na plataforma de contratación pública e serán publicados tamén no Diario Oficial da Unión Europea (DOUE).
“Englobamos os diversos servizos que se están prestando nun único contrato, primando a seguridade xurídica e un servizo de calidade, máis se cadra nos tempos nos que estamos a vivir”, asegura Rodrigo Pavón, primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Servizos, Espazos Cidadans e relación cos veciños.
Para a elaboración da documentación do contrato, o grupo de goberno analizou detidamente en que aspectos podería mellorar o servizo, gañando en efectividade e eficiencia, e mantivo diferentes reunións cos sectores afectados.
“O espírito da nova contrata debe ser o de garantir unha prestación de calidade, cubrindo as peculiaridades que existan en cada instalación; ademais, a pandemia do coronavirus obriga a ser moi coidadoso con este tipo de contratos, dando resposta ás demandas veciñais”, engade Pavón.