“Queremos contribuir a crear unha vila máis aberta e progresista, na que ningunha persoa sexa discriminada nin sinalada”, subliña Vanesa Siso, concelleira de Igualdade de Vilalba.
O Concello de Vilalba presenta a súa programación con motivo da celebración en xuño do mes do Orgullo LGTBI. Vilalba reivindicará a diversidade e visibilidade do colectivo LGTBI cunha proposta de actividades baixo o lema “Vilalba non oculta, visibiliza. #VilalbaOrgullosa”.
A programación iníciase o próximo venres, 18 de xuño, na Casa da Cultura coa exposición “Piedras, mujeres mayores sin armarios”, da fotógrafa M.J. Garrido. A mostra está cedida pola Federación Estatal de Lesbianas, Gais, Transexuales y Bisexuales (FELGTB) e pretende ser unha homenaxe e unha visibilización das mulleres maiores lesbianas, bisexuales e trans, que sufriron e sofren debido á LTBfobia, pero que tiveron a valentía de loitar contra ela.
“Con esta programación queremos contribuir a crear unha vila máis aberta e progresista, na que ningunha persoa sexa discriminada nin sinalada, na que avancemos un paso máis e ninguén teña que sufrir as consecuencias do odio sobre todo aquelo que sae fóra da norma imposta”, subliña Vanesa Siso, concelleira de Igualdade de Vilalba.
O sábado 19 de xuño o Campo da Feira acolle a partir das 22:30 unha sesión de autocine, coa película “Carmen y Lola”. O filme estivo nominado a 8 premios Goya, dos que recolleu dous: a mellor dirección novel, para Arantxa Echevarría; e mellor actriz de reparto, para Carolina Yuste. A película narra un romance entre dúas xitanas lesbianas nunha comunidad marcada polo conservadurismo e o patriarcado.
Doutra banda, o 25 de xuño presentarase o vídeo “Vilalba non oculta. Pola non discriminación do colectivo LGTBI”. A peza audiovisual lanzarase nas redes sociais do Concello de Vilalba, e en próximas datas irase avanzando máis información.
Por último, pecharase a programación co espectáculo de danza “Microperspectivas dun Marica Millenial”, unha proposta da compañía Incendiarias creada en coprodución co Centro Dramático Galego. É un espectáculo íntimo e cargado de poesía que, a través da música e das artes do movemento, cuestiona as certezas impostas que predestinan a construción da identidade.
Representarase o 26 de xuño no Auditorio Municipal ás 20:00 horas, as entradas serán gratuítas pero deberán reservarse en https://entradasvilalba.es/